EspazoCoop e a Oficina Económica de Galicia colaborarán para promover a implantación de empresas cooperativas na Comunidade
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou este pasado venres as instalacións da sociedade cooperativa Maier Ferroplast, onde se formalizou este acordo coa presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop, Ana Olveira Blanco.
“Nun momento e nun sector en que tanto se fala de deslocalizacións, é moi positivo reivindicar o modelo contrario: o dunha empresa que non só produce, senón que constrúe; que xera industria, emprego e riqueza aquí”, dixo a conselleira.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Oficina Económica de Galicia vai colaborar con EspazoCoop, a entidade que agrupa as cooperativas galegas, para promover o desenvolvemento e axilizar a implantación na Comunidade de iniciativas empresariais de carácter cooperativo.
Lorenzana visitou hoxe no Porriño as instalacións da empresa Maier Ferrolplast, a primeira sociedade cooperativa mixta que se fundou en Galicia e a maior cooperativa industrial, onde se formalizou a sinatura deste acordo de colaboración. Segundo establece, EspazoCoop e a Oficina Económica de Galicia van traballar da man e de xeito coordinado, de modo que poidan complementar os seus servizos de apoio e asesoramento ás persoas emprendedoras.
A Oficina Económica de Galicia do Igape comprométese, polo tanto, a atender as consultas e proporcionar asesoramento e acompañamento a emprendedores, cooperativas e outras entidades do sector que conforman o ámbito do acordo. E, pola súa banda, EspazoCoop derivará á oficina do Igape calquera proxecto que precise dunha atención que vaia máis aló dos apoios ou servizos que ofrece. Ambas as dúas manteranse en contacto permanente co fin de visibilizar o cooperativismo como fórmula de autoemprego e de emprendemento empresarial.
Na súa intervención, Lorenzana gabou o exemplo de Maier Ferroplast que, segundo dixo, dentro do sector da automoción, “non é só unha planta de produción, é un proxecto de persoas”; unha empresa onde é posible combinar o arraigo local cunha visión global e competitiva, afirmou. “Nun momento e nun sector en que tanto se fala de deslocalizacións, é moi positivo reivindicar o modelo contrario: o dunha empresa que non só produce, senón que constrúe; que xera industria, emprego e riqueza aquí”, concluíu.
—
Fonte: Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria