EspazoCoop e a Asociación Pont-Up Store asinan un convenio para impulsar o cooperativismo e fomentar o emprego

A Unión de Cooperativas EspazoCoop e a Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store subscribiron o mércores 18 de setembro un convenio de colaboración que ten como obxectivo a promoción do cooperativismo, a economía social e o fomento do emprego en Galicia. Este acordo busca fortalecer o tecido empresarial galego mediante a creación de iniciativas conxuntas que promovan o autoemprego e o desenvolvemento socioeconómico a través de proxectos empresariais baixo a fórmula de cooperativa.

Os asinantes do convenio, Ana Olveira Blanco, presidenta de EspazoCoop, e Pedro Figueroa Dorrego, presidente da Asociación Pont-Up Store, destacaron a importancia deste acordo para fomentar o cooperativismo e contribuír á formación e orientación de persoas interesadas na creación de empresas cooperativas. Ambas as entidades subliñaron o seu compromiso coa promoción da economía social e o apoio a colectivos con dificultades de acceso ao mercado laboral.

Ámbitos de colaboración

O convenio establece unha serie de accións conxuntas no marco da formación, asesoramento e difusión do cooperativismo, entre as que se inclúen:

  • Realización de actividades de información, asesoramento e formación enfocadas en mellorar a cualificación das persoas interesadas no autoemprego baixo o modelo cooperativo.

  • Charlas informativas sobre economía social e cooperativismo, dirixidas a mostrar as vantaxes deste tipo de empresas.

  • Sesións de orientación para a creación e posta en marcha de proxectos empresariais cooperativos, con especial atención aos colectivos máis vulnerables no acceso ao emprego.

  • Visibilización e promoción do cooperativismo como unha alternativa viable dentro das actuacións da Asociación PONT-UP STORE.

Duración e seguimento

O acordo terá unha vixencia dun ano, prorrogable automaticamente se ningunha das partes manifesta a súa vontade de finalizalo. Ademais, contémplase a celebración de reunións periódicas para garantir o correcto desenvolvemento do convenio e abordar calquera posible dificultade que poida xurdir.

Con esta alianza, tanto EspazoCoop como PONT-UP STORE consolidan o seu compromiso co cooperativismo como motor de cambio para un desenvolvemento económico máis xusto e sostible en Galicia.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Sobre Asociación Pont-Up Store

A Asociación para o emprendemento e a innovación: Pont-Up Store é unha entidade que nace en Pontevedra co obxectivo de impulsar e apoiar ao novo emprendemento e a innovación no noroeste peninsular e especialmente en Galicia. A asociación conta con máis de 210 empresas asociadas das catro provincias galegas e con representación tamén en Barcelona, Madrid e Lisboa. Esta entidade ten como orixe o evento Pont- Up Store: espazo de emprendemento, que desde 2014 constitúese como un punto de referencia do novo emprendemento. A Asociación ten como fin a organización anual do Pont-Up Store así como a realización de actividades para o desenvolvemento dos proxectos das empresas asociadas e outras actividades que axuden a mellorar o panorama emprendedor e a innovación en Galicia. Tamén ten como obxectivo a colaboración con outras entidades do ecosistema de emprendemento e innovación de Galicia buscando a complementariedade e a eficiencia no uso dos recursos públicos e privados.