No marco do acto ‘Universidade de Vigo e Cooperativismo: 28 anos medrando xuntas(os)’ do 31 de outubro, EspazoCoop asinou un Convenio de Colaboración coa Universidade de Vigo para promover a cooperación para o desenvolvemento do cooperativismo e da economía social, fomentar iniciativas de apoio ao emprendemento inspiradas nos valores cooperativos, mediante a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico no marco da economía social e solidaria.
O propósito do convenio é realizar actividades e proxectos en forma conxunta, en asuntos que resulten de interese como:
- Proxectos de investigación.
- Actividades académicas: cursos, conferencias, simposios ou seminarios.
- Apoio a investigadores/as e estudantes.
- Intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese.
- Intercambio e colaboración en todo tipo de proxectos culturais de interese común.
- Promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade.
- Mobilidade de estudantes e de persoal docente.
- Entre outras posibles actividades que sexan consideradas de interese mutuo.
Esta colaboración procurará unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade.
Para a Unión de Cooperativas EspazoCoop é unha satisfacción a formalización desta colaboración e poder levar adiante o acordo marco do Convenio xunto a Universidade de Vigo coa que as asociacións de cooperativas e de economía social galegas vimos cooperando dende hai 28 anos.
A Universidade de Vigo, no acto do 31 de outubro, tamén formalizou un Convenio coa Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, Agaca, deste xeito, comprométese coas principais asociacións representativas do cooperativismo en Galicia.