Día Internacional da Muller 2026

 

Traballar decidindo | 8M COOP

 

 

 

 

EspazoCoop súmase este 8 de marzo á conmemoración do Día Internacional da Muller. Baixo o lema da ONU deste ano “Dereitos. Xustiza. Acción” a Unión quere transmitirlle á cidadanía que as empresas cooperativas asumen, no seu modelo de funcionamento, un compromiso coa igualdade real no mundo do traballo, na loita contra as violencias machistas e na promoción da autonomía das mulleres. Traballamos para eliminar as barreiras á igualdade, e reivindicamos máis dereitos e xustiza social para as mulleres.

A contribución do cooperativismo na ruptura dos estereotipos de poder nas empresas, e no empoderamento das mulleres, é notable. Traballar decidindo é posible no cooperativismo, porque as mulleres teñen voz e teñen voto, e o cooperativismo ten mirada igualitaria, o seu enfoque propón o acceso en igualdade ao emprego, á toma de decisións, aos liderados e aos postos directivos, avogando por gobernanzas inclusivas. Presentan maior potencial para promocionar a igualdade de xénero e para a transformación que as empresas tradicionais, que continúan reproducindo estruturas de desigualdade.

EspazoCoop reivindica o modelo cooperativo coa súa estrutura democrática para combatir a desigualdade, a discriminación e as violencias machistas contra as mulleres no mundo laboral, e por extensión a outras esferas da vida.

Na base social de EspazoCoop o 61,35% das socias cooperativistas son mulleres, e preto do 50% exercen funcións directivas nos consellos reitores. 

Campaña de Coceta

A Unión súmanse tamén este 8M á campaña da súa Confederación, Coceta, coa que quere visibilizar o compromiso do cooperativismo de traballo coa igualdade real e poñer no centro a voz das mulleres cooperativistas. Nesta iniciativa participarán mulleres dalgunhas cooperativas socias de EspazoCoop, que visibilizarán nas redes sociais, coas súas mensaxes, como impacta o cooperativismo no desenvolvemento profesional e persoal, e como fomenta esa igualdade real.