Coop-Housing: un novo xeito de Habitar

E ti, que vas facer cando sexas maior?

 

O xoves 22 de outubro de mañá tivo lugar a xornada online ‘Coop-Housing, un novo xeito de Habitar’, de 10 a 14 horas, organizada pola Unión de Cooperativas EspazoCoop xerou expectación en máis de 70 persoas e organizacións inscritas de dentro e fora de Galicia, e deixa patente o interese que suscita esta solución habitacional, tanto para a xente maior (colectivo no que estaba enfocada a programación da xornada) como para outras xeracións e ciclos da vida.

A Presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, e a Directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta, Covadonga Toca, inauguraron e saudaron ao público da sesión, fixeron fincapé na importancia dos coidados das persoas e en buscar dende o cooperativismo alternativas a estas necesidades, propoñendo iniciativas útiles e oportunidades de crear proxectos novos intercambiando boas prácticas con outros territorios.

A primeira das invitadas LAURA LÓPEZ da Universidade Pablo Olavide, falou do marco de partida do fenómeno cohousing, como o envellecemento da poboación, o aillamento, a soidade, as necesidades de participación, independencia, autonomía e dignidade na xestión diaria das persoas que chegan á “madurez activa”, persoas que queren loitar contra a soidade e as demais dificultades con apoio mutuo, con “soidariedade” … Falou das vías actuais -como pisos tutelados ou residencias- na que a perda de autonomía e independencia confronta coa solución das vivendas colaborativas onde se incentiva a participación, a autonomía o protagonismo na organización e a interacción social.

A autora do libro “Solucións habitacionais para o envellecemento activo. Vivendas colaborativas ou cohousing” descubriunos que dende os primeiros cohousing nos anos 60 na Europa do Norte, froito das necesidades de conciliación de mulleres traballadoras, chegouse ata o cohousing senior porque agora son as persoas maiores as que queren este modelo. E neste repaso das características, presentou un caso de Estocolmo que tivo ocasión de visitar, Dunderbaken, e por último apuntou a importancia de que a Administración se involucre en distintas formas, cedendo terreos, alugando, construíndo…, e tamén regulando normativa, porque existe inseguridade xurídica para estes modelos habitacionais que xa existen hoxe en día en España.

Na Mesa de Experiencias, contamos con tres casos, a cooperativa de vivenda TRABENSOL, en Torremocha del Jarama (norte de Madrid) con Jaime Moreno, socio do proxecto que explicou o proceso de creación e desenvolvemento desta experiencia de cohousing senior nun edificio bioclimático que actualmente conta con 54 socias, 80 persoas, lista de espera para ingresar, custes de gastos mensuais sustancialmente menores que as prazas en residencias tradicionais, e aportacións de capital de entrada retornables.

A continuación interviron Sonia Jalda e Maribel Barreiro do Colectivo de Traballadoras de Residencias de Galicia (TREGA) que achegaron a súa visión da realidade residencial actual na nosa comunidade, como traballadoras do sector, con unha aptitude crítica ao modelo habitacional tradicional para maiores, segundo Maribel “está feito para sacar o máximo rendimento económico ao maiores” con custes entre 1.800 e 4.000 euros/mes por habitación, falta de intimidade e cheo de protocolos, lugares onde casi todas as usuarias son dependentes e máis cercano a un modelo hospitalario que a un modelo de convivencia. “As persoas déixanse levar e non deciden”, segundo Maribel. TREGA reclama un cambio porque pensan que “as residencias son un modelo caduco, a súa calidade é precaria, e como traballadoras non chegamos a cubrir as diferentes patoloxías das persoas como se merecen”.

Para pechar a Mesa participou María Jesús Zabaleta da cooperativa de traballo GSR XESTIÓN DE SERVIZOS RESIDENCIAIS, en Euskadi, que traballan dende o modelo organizativo cooperativo e os seus valores, en contraposición ás residencias xestionados por fondos de inversión, fundacións, etc.. Xestionan 23 residencias, centros de día e vivendas tuteladas (casas con grupos de persoas autónomas que “vixían”).

Na segunda parte da xornada contamos con dúas entidades das finanzas éticas como son FIARE BANCA ÉTICA con Álex García, e a cooperativa COOP57 , para comentar a súa traxectoria, condicións e produtos de financiamento para este tipo de proxectos no estado, destacando por exemplo que dende Coop57 xa se levan financiado sete proxectos de índole interxeracional ou no ámbito rural. Ambas entidades de finanzas éticas apostan por apoiar estos novos modelos habitacionais polo seu marcado carácter social e comunitario.

Por último organizouse traballo grupal (online) co público asistente para reflexionar ao redor das oportunidades e retos do cohousing en Galicia, que xunto ás intervencións da xornada, o debate xerado e as conexións e contactos producidos, conforman un documento coas conclusións da sesión, que contribuirán á continuación desta liña de traballo dende EspazoCoop.

[ Esta xornada enmárcase dentro da programación 2020 da Rede Eusumo ]

O pase de diapositivas require JavaScript.