Consulta | Canalizar reclamacións e demandas das cooperativas socias
| Para as diferentes administracións, e de cara á vindeira xuntanza, co Conselleiro de Economía, Emprego e Industria |

Como ben sabedes, dende Espazocoop estamos tratando de acompañarvos da mellor maneira que podemos nestes momentos, tentando facilitarvos esta situación e canalizar as vosas reclamacións e demandas, para que as diferentes administracións sexan coñecedoras delas e que así podan tomar as mellores solucións.

No marco desta labor, en breve, vamos ter unha xuntanza co Conselleiro de Economía, Emprego e Industria. É por iso que vos pedimos, unha vez máis,  un pouco do voso tempo para que cubrades a MAIOR BREVIDADE o seguinte cuestionario e así ser capaces de trasladar cuestións o máis concretas posibles.

O cuestionario está dividido en cinco apartados. No primeiro precisamos os vosos datos e como vos afectou o COVID na vosa cooperativa (nome, sector, ano de constitución…); no segundo as vosas necesidades no eido de financiamento (préstamos, moratorias dos mesmos, dificultades para acceder aos mesmos…); no terceiro cales serían as vosas necesidades con respecto ás axudas ou contratos que están agora postas en marcha ou que tedes pendentes de cobro por parte da Xunta ou outras administracións (axilidade no pagamento, paralización de expedientes…); no cuarto en canto a axudas novas que se podan poñer en marcha (que necesidades percibides, para que serían precisas…); e por último, o quinto se detectades algunha cuestión con respecto aos rexistros de cooperativas nestes momentos.

En todo o cuestionario agradeceriámosvos que concretásedes o máis posible. Por exemplo, na actualidade aínda non foi aboada a axuda que solicitamos a igualdade para a posta en marcha medidas de corresponsabilidade, etc.

Quero agradecer de antemán a vosa colaboración e trasladarémosvos os resultados desa xuntanza.

Moito ánimo e lembrade que seguimos facendo camiño xuntas.

Ana Olveira
Presidenta
Unión de Cooperativas Espazocoop