Comunicado sobre a decisión do Consistorio Ourensán de manter pechado o Auditorio Municipal de Ourense.

Venres 12 de marzo de 2021

Dende a Sectorial de Cultura da Unión de Cooperativas EspazoCoop queremos amosar o noso total rexeitamento á decisión do Concello de Ourense de manter pechado o Auditorio Municipal da cidade dende comezos de ano, impedindo a programación de actividades culturais a través deste comunicado, que promovemos conxuntamente co resto de entidades sectoriais.

A normativa vixente no referente ás restricións derivadas da crise da COVID-19 non impide a programación de espectáculos, concertos ou calquera outra actividade de cultura ao vivo nos Concellos galegos. O sector do espectáculo ao vivo ten demostrada a súa boa praxe e capacidade de adaptación profesional á hora de implementar as medidas hixiénico-sanitarias necesarias para
a contención da Covid19 nos teatros, xa que a preocupación e a vontade do sector é facer da cultura ao vivo un espazo de máximas garantías de seguridade non só para o público, senón tamén para os e as traballadores/as, pertenzan estes ao ámbito técnico ou ao ámbito artístico. Boa proba disto son as excepcionais medidas levadas a cabo non só nos teatros e auditorios senón tamén no ámbito laboral, de protección de todos e todas.

Entendemos que a decisión do consistorio ourensán atende a unha xustificación política e non técnica, e non ten cabida porque entra en conflicto, primeiro, coa normativa vixente, e despois co dereito da cidadanía á cultura. En relación a esta decisión, o Concello non ten por exemplo renovado o convenio co circuíto escénico e musical promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais, a Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), nunha clara declaración de intencións sobre non programar actividade nos vindeiros meses.

Dende EspazoCoop e o resto de entidades asinantes queremos rexeitar a determinación do equipo de goberno municipal de desatender a programación cultural da cidade. Coa súa falta de colaboración, o consistorio pon de manifesto a súa falta de sensibilidade -mais, por riba de todo, de interese- por achegar á cidadanía o abano de programación cultural que lle corresponde como dereito.

As consecuencias desta decisión unilateral afectan directamente á veciñanza e supoñen unha grave eiva na programación cultural ourensá, impedindo así mesmo aos e ás profesionais do sector do espectáculo ao vivo o desenvolvemento normal da súa actividade, xa de por si moi afectada polos sucesivos peches do último ano.

Entidades asinantes deste comunicado:

  • Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas)
  • AGPXC (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural)
  • AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
  • AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais)
  • PAM (Plataforma Artes do Movemento)
  • Asociación de Compañías de Danza Emprendo Danza
  • APCG (Asociación de Profesionais de Circo de Galicia)
  • UNIMA Galicia (Unión Internacional da Marioneta)
  • Músicas ao Vivo
  • Academia Galega de Teatro
  • Unión de Cooperativas Espazo Coop – Sectorial de Cultura
  • TESGAL (Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo)
  • AFEARTE (Asociacion de Festivais de Artes Escénicas de Galicia)