Comunicado ás cooperativas socias pola crise do coronavirus

Estimadas compañeiras e compañeiros,

Gustaríame comezar esta mensaxe trasladándovos o meu desexo de que tanto vós como as vosas familias, cooperativas e organizacións esteades ben. Nestes momentos complexos que estamos a vivir no que as incertezas e os cambios constantes convertéronse nunha realidade que afrontar día a día A SAÚDE, con maiúsculas, converteuse no principal ben que temos que coidar.

Hai algo máis dunha semana as nosas vidas mudaron drasticamente sen que nada puidéramos facer para que isto non fose así. Temos un confinamento obrigado, as rutinas víronse truncadas, moitas das nosas empresas están pechadas e todas estamos volvendo a planificar un ano que acababa de comezar. Pero se ampliamos o foco toda esta situación lémbranos que agora máis que nunca é preciso situar ás persoas, ás vidas, no centro. Para as cooperativas isto é máis doado pois levámolo escrito no noso ADN.

Dende o comezo da crise do COVID-19 dende Espazocoop puxémonos ao voso dispor, tentando solucionar da mellor maneira posible todas aquelas cuestións que nos trasladabades e recoller as necesidades que esta situación puidera xerar.
Así, xunto coa Confederación de Cooperativas de Traballo Asociado – COCETA, a Unión de Cooperativas de Enseñanza – UECOE e o Foro pola Economía Social Galega vense mantendo contacto directo coas administracións estatais e galegas tentando que a interlocución habitual se vira incrementada. O obxectivo é que o cooperativismo estea presente en todas as decisións que dende os diferentes gobernos se están a tomar. Este traballo está a ver os seus resultados por exemplo en que as cooperativas aparezamos expresamente no RD 8/2020 de medidas urxentes para o impacto económico do COVID-19 ou en facilitar o seu cumprimento no noso ámbito.

O desexo de todo Espazocoop é seguir acompañándovos neste camiño, para iso establecemos dúas prioridades nos diferentes consellos reitores que celebramos nestes días:
– Manter os labores de información e asesoramento ás cooperativas socias e ás persoas usuarias de Espazocoop.
– Seguir a realizar a función de interlocutor ante as diferentes administracións, ben sexa da man doutras entidades ou en primeira persoa, buscando que as cooperativas e as persoas que formamos parte delas sigamos estando presentes nas medidas de apoio que se podan poñer en marcha.

Ademais destas dúas prioridades decidimos retrasar, cando menos un mes, o envío ao cobro das cotas asociativas que se tiñan que remitir neste mes de marzo, esperando así contribuír tamén, no que está na nosa man, no económico.

Despídome lembrándovos que seguimos facendo camiño xuntas. Agradecéndovos serdes Espazocoop, xa que esta organización non ten sentido sen as entidades e as persoas que a compoñen. Tamén agradecervos a responsabilidade que dende o movemento cooperativo estamos a ter ficando na casa e suspendendo a meirande parte da nosa actividade empresarial. Nas cooperativas sabemos que só xuntas podemos afrontar os retos máis importantes, sigamos facendo o que mellor sabemos.

Unha forte aperta,

Ana Olveira Blanco.

Presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop