Instruccións polo Covid-19:

Axudas Fomento do Emprego en Cooperativas.

Atendendo ao elevado número de consultas que estamos a atender ao respecto, dende Espazocoop queremos informar o seguinte, con respecto ás axudas ao fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais (APROL).

Solicitude  axudas ao fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais – Aprol (DOG 10/01/2020) :

Aínda que os prazos administrativos están suspendidos mentres se manteña o estado de alarma, é posible presentar solicitudes ou nova documentación de forma telemática, a través da Sede Electrónica da Xunta. Deste xeito, se temos oportunidade de avanzar coa documentación, facilitaremos o traballo do persoal da Administración encargado de atendelo, que está a teletraballar.

Se queremos que a Administración nos requira a documentación que nos falta, ou mesmo que nos notifique a resolución da axuda, é importante presentar un escrito no que a persoa ou empresa solicitante da axuda manifesta que non quere que se suspenda o procedemento. Este escrito pódese presentar por Sede Electrónica, ou mesmo enviando un correo electrónico ao órgano que tramita. Sobre isto, dúas notas importantes: é importante identificar ben a que procedemento se refire este escrito (código do procedemento, datos do solicitante, data na que se presentou a solicitude). E en segundo lugar: unha vez presentado este escrito, se recibimos un requirimento para completar a documentación hai que presentala en prazo, xa que este non queda suspendido.

Obrigación do mantemento de emprego e actividade empresarial nas  axudas ao fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais (Aprol):

As axudas APROL establecen como requisito o mantemento do emprego e actividade empresarial durante dous anos. O estado de alarma decretado polo goberno do estado, e a situación de excepción na que nos sitúa a crise do Covid-19, levará a moitas cooperativas e sociedades laborais a ter que tramitar unha suspensión temporal que  supón un “incumprimento forzoso”, do requisito anterior. Ante as consultas recibidas a este respecto, queremos comunicar que a situación de suspensión polo coronavirus en ningún caso vai supor unha penalización por incumprimento do prazo de permanencia da actividade empresarial, establecido nas axudas Aprol.