Arrancou o Delas Fest, primeiro festival de arte urbana feminista de Europa

Celebrarase até o 15 de decembro en Ames, Teo e Santiago coa participación de referentes internacionais coma BTOY, Lorena Cosba, Vegan Bunnies e Dúo Amazonas

Galicia convértese no epicentro do primeiro festival feminista de arte urbana e contextual de Europa. Delas Fest, organizado por 7H Cooperativa Cultural, desenvolvese desde o pasado luns e até este domingo 15 de decembro en distintos espazos da comarca de Santiago coa participación de sete creadoras feministas que, desde diferentes disciplinas, sensibilidades e enfoques empregan o espazo público como soporte de expresión e ámbito de intervención política.

Grazas á colaboración da Deputación da Coruña; a concellería de Igualdade do Concello de Ames; as concellerías de Igualdade e Benestar do Concello de Teo; a concellería de Cultura do concello de Santiago; e ao patrocinio de distintas empresas e entidades (Cuarto Pexigo; Pinturas PROA; Gadis; Fogar Natural; Infinita Viajes y Eventos, e Dinamo Mensaxería e Publicidade en Bicicleta), esta pioneira iniciativa aspira en converterse nun referente internacional que sitúe a Galiza na vangarda da arte urbana diversa e con perspectiva de xénero a través dun programa de actividades que combina intervencións artísticas, obradoiros de creación e faladoiros con profesionais do sector.

A versátil e multifacética Btoy (Barcelona, 1977), artista contextual que utiliza desde carteis e estarcidos a colaxe e pintura plástica en obras principalmente protagonizadas por mulleres; a fotógrafa e socia fundadora do Colectivo 4F Lorena Cosba (Huesca, 1979), interesada na fotografía experimental e na reutilización e intervención de obxecto encontrado a través de instalacións; a grafiteira e activista animalista Vegan Bunnies (Perú-Catalunya), integrante do colectivo The Hate Lovers, que loita polo apoderamento da muller no sector; e o Dúo Amazonas, conformado polas artistas e activistas visuais Natalia Andreoli (Bos Aires, 1992) e Lina Castellanos (Bogotá, 1990) quen entenden o muralismo coma un exercicio de autoreflexión, diálogo e intercambio co territorio e as súas habitantes, integran o cartel de creadoras de recoñecido prestixio no panorama feminista da arte de rúa que deixarán a súa pegada en distintos espazos da comarca compostelá.

Xunto a elas, tamén participarán en varios espazos destinados ao diálogo e o intercambio de experiencias do Delas Fest a curadora, produtora de eventos de arte urbana portuguesa e fundadora do proxecto LATA 65 Lara Seixo (Covilhã, 1971), a multidisciplinar e irreverente artista viguesa Lupita Hard (Caracas, 1993), e a ilustradora e muralista coruñesa Iria Fafián (Sitges, 1988), quen achegarán a súa experiencia sobre a presenza das mulleres na arte urbana.

O cuestionamento radical do discurso historiográfico hexemónico, que continúa a subestimar e invisibilizar a traxectoria e obras das mulleres artistas, aínda minoría en festivais e grandes citas da disciplina, atópase na base no festival, xurdido como continuación do premiado programa artístico-educativo Elas tamén Pintan, iniciado en 2017 por 7H Cooperativa Cultural.

PROGRAMA DE ACTIVIDAES

O programa de actividades do festival, comisariado pola historiadora da arte e especialista en xénero e creación contemporánea Clara Rodríguez Cordeiro (Ourense, 1983), está integrado intervencións das artistas, unha xornada de faladoiros e dous obradoiros de creación.

Intervencións murais

O traballo artístico repártese en tres localizacións: Btoy está a realizar un mural no Pavillón Polideportivo de Milladoiro (Ames); Dúo Amazonas, fai o propio no túnel da estrada que conecta Luou con Solláns (Teo), e Lorena Cosba realizará unha instalación na Casa do Matadoiro (Santiago).

Obradoiros

En canto ás actividades de creación, Vegan Bunnies será a encargada de impartir un obradoiro de introducción á arte urbana de guerrilla o mércores 11 e o venres 13 de decembro de 17 a 20h na Casa do Matadoiro, para o que xa se esgotaron as prazas.

O segundo taller, dirixido a persoas interesadas en achegarse as técnicas da arte urbana a partir dunha intervención colaborativa, desenvolverase o sábado 14 de 9 a 15h nas Galerías Praza do Ensanche de Santiago baixo a dirección de 7H Cooperativa Cultural. É precisa a inscrición en 7hcoop@7hcoop.gal.

Xornada de debate “Onde están as mulleres na arte urbana”

Como colofón ao festival, o xoves 12 de decembro, de 18:00 a 21:30h, na Casa das Mulleres Xohana Torres de Santiago terá lugar unha xornada de encontro interdisciplinar e interxeracional entre as artistas, as participantes dos obradoiros, as asociacións e colectivos implicados, mulleres profesionais, programadoras de festivais de arte urbana e entidades do sector así como toda persoa interesada na disciplina. Baixo o título “Onde están as mulleres na arte urbana”, a xornada desenvolverase coa seguinte orde de faladoiros:

18:00h. Presentación da xornada.

18:15h. Perspectivas desde o comisariado, con Lara Seixo Rodrigues.

19:00h. Miradas a pé de rúa, con Vegan Bunnies.

19:45h. Ser muller na arte urbana: retos e obstáculos, con Dúo Amazonas / BTOY / Lupita Hard / Iria Fafián / Lorena Cosba. Modera Clara R. Cordeiro, 7H Coop. Cultural.

21:00h. Coloquio e peche.

Comité de xénero

Co fin de garantir a rigorosidade da proposta artística do festival, dos procesos creativos xurdidos no mesmo e dispoñer da asesoría e apoio especializado, o festival conta cunha comisión de xénero integrada por Patricia Porto Paderne, educadora social e responsable da libraría feminista Lila de Lilith; Marián Mariño Costales, Técnica de Igualdade do Consello da Cultura Galega; Xoana Almar, muralista e socia da cooperativa Cestola na Cachola; e Eva Agra, ilustradora feminista, autora de Mulleres Bravas da nosa historia e socia de 7h Cooperativa Cultural. As catro colaboraron na conformación da proposta artística do festival a través da asesoría na selección de participantes, na elección de espazos a intervir e na implicación dos colectivos de cada municipio.