A ONG Arquitectos Sen Fronteiras (ASF-Galicia) están desenvolvendo un proxecto de fortalecemento da cooperativa guatemalteca B’eljuj Q’Anil, de fabricación de materiais de construción, financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Esta cooperativa creouse no marco doutro proxecto, que se desenvolveu no Departamento de Retalhuleu, o programa “Oxlajuj Tz’ikin”, entre os anos 2008 e 2012.

Entre as actividades do proxecto está a realización de 5 xornadas de difusión do traballo cooperativo: nelas a cooperativa B’eljuj Q’Anil, a de Mulleres Colleiteiras (cooperativa de recollida de aceite usado, que nacerá nos próximos meses doutra iniciativa de ASF-Galicia desde o grupo de cooperación local) e 5 cooperativas galegas poderán dar a coñecer o seu traballo á poboación local e intercambiar experiencias , nun debate no que se intentarán tratar temas transversais de medio ambiente, xénero, diversidade e pertinencia cultural, que terá lugar en cada concello do que proceda a cooperativa galega escollida.

Ademais realizarase un seminario final na cidade da Coruña, onde as cooperativas poidan expoñer os resultados máis salientables das experiencias compartidas, crearase un documento resumo da experiencia, e realizarase unha enquisa de satisfacción sobre as xornadas e o foro, e un seguimento da asistencia segmentada por rango de idade e sexo.

UGACOTA ten colaborado con ASF para o desenvolvemento destas iniciativas, mediante a facilitación dun listado de cooperativas de traballo galegas nos concellos do seu interese, que son potencialmente acaídas ás actividades de intercambio que desenvolverán.