Ana Olveira Blanco, reelixida Presidenta de EspazoCoop

 

 

 

A Unión de Cooperativas de Galicia EspazoCoop celebrou na mañá de hoxe a súa asemblea anual.

EspazoCoop medra nos últímos 4 anos en preto dun 50% no número de cooperativas socias.

Na mañá de hoxe tivo lugar en Santiago a asemblea anual da Unión de Cooperativas EspazoCoop, entidade de referencia do cooperativismo en Galicia. Nela foi elexido o novo consello reitor da Unión para os vindeiros 4 anos, que estará presidido de novo por Ana Olveira Blanco.

Segundo Ana Olveira Blanco, “agradecemos a confianza depositada en nós por parte das socias de EspazoCoop. Levamos 4 anos desenvolvendo un traballo institucional importante, aumentando en número de cooperativas socias, a nosa representación en concellos a través dun número relevante de convenios e o noso labor de presenza política é cada vez maior, non só en Galicia, tamén a nivel estatal como membros da executiva de Coceta”.

O consello reitor de EspazoCoop queda composto da seguinte maneira:

Presidencia – Ana Olveira Blanco

Vicepresidencia – Miguel Anxo Filgueira Touriño

Secretaría – Nacho Fungueiriño Rey

Vogais

  • Celso Gándara Carnero
  • Pilar Lozano Yañez
  • María Emilia Candal Bouzas
  • José Antonio Eiras Vila
  • José Carlos Freire Castroseiros
  • Claudia Rodríguez Rodríguez

EspazoCoop en cifras: crecemento dun 50% en 4 anos

No transcurso desta asemblea, o consello reitor de EspazoCoop presentou os resultados e principais fitos do ano 2022. No último ano, 40 cooperativas sumáronse a EspazoCoop, co que o número total de socias da Unión ascende a 247. Nos últimos 4 anos, a Unión medrou en preto dun 50% en número de socias, sendo todo un referente da economía social en Galicia.

Pola súa ubicación xeográfica, A Coruña é a provincia cun maior número de socias. A distribución xeográfica das socias de EspazoCoop é:

– A Coruña 118 cooperativas

– Pontevedra 89 cooperativas

– Ourense 25 cooperativas

– Lugo 15 cooperativas

Pola súa tipoloxía, as socias da Unión distribúense en:

– 204 cooperativas de traballo asociado

– 26 cooperativas de ensino

– 6 cooperativas de consumo

– 11 cooperativas xuvenís

En total, as cooperativas socias de EspazoCoop representan:

– 2.839 persoas cooperativistas

– 1.313 socias traballadoras

– 1.526 socias de consumo e servizos

É salientable a importancia das mulleres nas socias de EspazoCoop. De feito, o 50% das cooperativas socias están presididas por mulleres, o 45% das persoas socias das cooperativas son mulleres e o 20% das cooperativas están constituídas só por mulleres. “Un dos principios do cooperativismo é promover a igualdade e con estas cifras, queda claro que as entidades que compoñen a Unión o fan”, explica Ana Olveira Blanco.

 

Principais fitos de 2022

Ademais do aumento de cooperativas socias, o ano 2022 de EspazoCoop estivo marcado polo aumento da colaboración con entidades e administracións, tanto locais como provinciais e autonómicas. En total asináronse 37 convenios e conseguiouse un importante aumento de orzamentos para o cooperativismo a través de programas como o Bono Consolida, Aprol Economía Social e outras Axudas locais. Os diferentes acordos coas administración e programas de axudas para o fomento do cooperativismo foron dotados con preto de 500.000 euros.

Co obxectivo de promocionar o cooperativismo, a Unión desenvolveu no 2022 65 accións, das que foron beneficiadas de maneira directa máis de 1.000 persoas. Tamén, como axente que asesora e acompaña nos procesos de creación de cooperativas, EspazoCoop colaborou con 90 procesos de emprendemento que deron como resultado a constitución de 21 cooperativas cunha creación de 53 empregos cooperativos.

Durante todo o ano EspazoCoop levou a cabo 8 programas para a consolidación de entidades cooperativas en: formación xerencial, apoio á función xerencial, orientación, aceleración, apoio frente as crises, fomento da intercooperación e das sectoriais, apoio na xestión e webinars sobre dúbidas en temas de interese, beneficiándose destes programas 279 cooperativas.

Entre os obxectivos da Unión tamén atópase a formación para impulsar a economía social a e a súa competencia. Deste xeito, leváronse a cabo 31 actividades formativas presenciais, online e mixtas, das que beneficiáronse 436 peroas e participaron 57 cooperativas.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxetivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.