A Sectorial de Ensino de EspazoCoop participa na manifestación en contra do desmantelamento do ensino concertado

A Asociación de Centros de Economía Social de Galicia (ACES Galicia), a Federación de Ensino de USO (FeUSO) e o Sindicato Nacional de Ensino Privado de Galicia (SNEPdG), convocan as traballadoras do Ensino Concertado a unha manifestación o sábado, 13 de maio, en contra da inacción e ninguneo da Consellería de Educación.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023. A Asociación de Centros de Economía Social de Galicia (ACES Galicia) -entidade que asocia a preto de 30 colexios en réxime de concerto educativo e da que forma parte a Unión de Cooperativas EspazoCoop-, a Federación de Ensino de USO (FeUSO) e o Sindicato Nacional de Ensino Privado de Galicia (SNEPdG) convocaron para este sábado unha manifestación de persoas traballadoras do Ensino Concertado en contra da inacción e ninguneo da Consellería de Educación a esta modalidade de ensino.

Esta manifestación sairá do Monte do Gozo ás 10:30 e chegará ata a Xunta de Galicia, onde se entregará por rexistro un escrito dirixido ao Sr. Conselleiro de Educación e ao Sr. Director Xeral de Centros e RRHH. Neste escrito esixirase que se cumpra o prometido, que se convoque á Comisión Tripartita, con data certa, con borradores de traballo e co compromiso de que o acordado teña efectos para o vindeiro curso 23/24. Reclamarase tamén a reposición de todos os dereitos suprimidos desde o ano 2009.

A manifestación, baixo o lema, O enterro do Ensino Concertado, visualizará os problemas e a situación de abandono das persoas traballadoras por parte desta Consellería; sen dúbida, as peor tratadas do Estado. Ante unha situación real de falta de matriculación por baixa natalidade, a solución ofertada pola Consellería é a supresión de unidades, o que conleva a perda de centos de postos de traballo.

Os convocantes desta manifestación solicitan::

  • Convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado, non promesas que se adoitan incumprir.
  • Redución de ratios; menos alumnado por aula. Non hai encarecemento, trátase de manter o existente.
  • Acordo de Mantemento de Emprego (existiu ata setembro de 2009)
  • Reposición da xubilación parcial (eliminada para a concertada de forma unilateral pola Consellería)
  • Aboamento da Paga Extraordinaria de Antigüidade (Prohíbese nos Orzamentos de Galicia desde 2012)
  • Pago delegado para o PAS.
  • O resto dos dereitos suprimidos e non repostos.
Manifestación en contra do desmantelamento do Ensino

Concertado en Galicia

Sábado 13 de maio 2023 – 10:30 horas

Percorrido Monte do Gozo – Xunta de Galicia

26 escolas cooperativas galegas na Sectorial de Ensino de EspazoCoop

A Sectorial de Cooperativas de Ensino de EspazoCoop está conformada por 26 escolas cooperativas de Galicia, dando servizo educativo a centenares de estudantes dos diferentes ciclos. As cooperativas de ensino teñen vocación pública e unha xestión democrática, o seu modelo pedagóxico incorpora os valores sociais e educativos do modelo cooperativo como son a inclusión, a sostibilidade, a innovación ou o compromiso coa contorna.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.