Diversas cooperativas e empresas de economía social están participando no 18º Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra do 1 ao 5 de febreiro no recinto de Feiras e Exposicións de Ourense. Podedes visitalas no stand do Consello Galego de Cooperativas, que está presente en Xantar 2017 co obxecto de impulsar a promoción das entidades galegas de Economía Social e a comercialización dos seus produtos e servizos.

No stand dase cabida a un total de 8 cooperativas e un centro especial de emprego: Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, coa súa marca Bico de Xeado, e Produtores do Campo da Capela do sector lácteo; Condado Paradanta centrada en produtos apícolas; Galo Celta do sector avícola; o centro especial de emprego Freshcut S.L. e Terras da Mariña que comercializan produtos hortofrutícolas; e as adegas Jesús Nazareno; Virxe das Viñas; e Adegas Eidosela. A coordinación do stand está sendo levado pola cooperativa O Cable Inglés.

O Salón, ademais, celebrará o xoves 2 de febreiro ás 13:00 horas o Día do Cooperativismo e a Economía Social. O stand do Consello Galego de Cooperativas organizará ao longo dos días de duración de Xantar 2017 degustacións de produtos galegos de calidade entre os que destacarán queixos, requeixos, meles, fabas, galo celta, cremas de verduras, purés de froitas, xeados e viños da D. O. Valdeorras e Rías Baixas. Estas degustacións terán lugar de xoves a sábado ás 13.00, 18.00 e 19.00 horas; e o domingo ás 13:00 horas.

Combinarase, por exemplo, unhas fabas de Lourenzá cociñadas con polbo cun requeixo con mel; embutidos de galo e galiña de Mos con xeado artesán; ou queixo mouro con puré de froitas, acompañados sempre por un viño das adegas participantes. Cada unha das degustacións estará dirixida por unha persoa experta que explicará as características de cada produto.

O horario do Salón será de 12:00 a 21:00 horas de mércores a sábado e de 12:00 a 19:00 horas o domingo.

 

 

Fonte: Web da Xunta