A economía social amosa no Culturgal a súa aposta por unha cultura socialmente responsable

 

O stand mostrará a diversidade e forza desta fórmula de emprendemento colectivo na 17ª edición da Feira das Culturas Galegas.

O sector cultural da economía social galega estará presente por décimo ano consecutivo na Feira das Culturas Galegas (Culturgal), que se celebra entre o 29 de novembro e 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, nun posto promovido pola Secretaría Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Durante os tres días do evento, nesta nova edición dunha feira que busca achegar á cidadanía a pluralidade da cultura galega actual, 19 entidades -dezaoito cooperativas e unha sociedade laboral- presentarán os seus proxectos, produtos e servizos na cita de referencia da cultura galega.

Nesta edición, quen visite o espazo da economía social subirase ao bus da economía social e transportarase a unha viñeta. Desta maneira, o público poderá achegarse á realidade dunha forma próxima aos soños, ás utopías. Cada visitante converterase en protagonista da historia, seguindo unha das máximas da economía social: colocar ás persoas no centro dos proxectos, tanto ás que conforman as entidades, como ás que se dirixen as iniciativas. De aí que o stand represente un patio no que a veciñanza poida reunirse a falar, coñecerse e descubrir outras formas de estar e construír un mundo máis igualitario.

A proposta, a cargo de 7H Cooperativa Cultural, contou coa colaboración da artista urbana e ilustradora Nana, responsable do debuxo e da interención do mobiliario. A través da ilustración, o posto funciona como un decorado no que se mestura a realidade, representada polo material promocional e os produtos das entidades participantes, coa imaxinación. Así, o stand promovido pola Consellería convírtese nun photocall que convidará a quen se achegue, non só a coñecer como se pode transformar o mundo, senón a formar parte dese cambio e, tamén, tomarse unha fotografía nesa páxina sacada dun conto.

Ademais, o público poderá descubrir que puntos da feira forman parte da economía social e en que escenarios o autobús fai paradas especiais, xa que o stand se espallará por todo o Culturgal, o que axudará a visibilizar esta fórmula de emprendemento.

O stand da Economía Social de Galicia ofrecerá ao longo da fin de semana un programa multidisciplinar de propostas para todos os públicos nos que terán protagonismo o teatro, a literatura, o xogo, a maxia e a creación colectiva e interdisciplinar.

[ COOPERATIVAS E EMPRESAS DA ECONOMÍA SOCIAL PARTICIPANTES ]

STAND ECONOMÍA SOCIAL DE GALICIA – Stand 3 CULTURGAL 2024

A FEROZ – A MORADA – A TALANGREIRA DO BEQUE – AVADA – CATRO VENTOS – CHARLATANA – CUARTO DE INVERNO – CULTURACTIVA – CUNDE – 7H – 13 GRADOS – URDIME – SACAUNTOS – O CABLE INGLÉS – MIUDIÑO – MIRAXE – MAGIA EN LA MANGA – ILLA BUFARDA – MITOLÓXICAS – DEZDEDEZ

Consulta o CATÁLOGO neste enlace

[ PROGRAMACIÓN DA ECONOMÍA SOCIAL NO CULTURGAL ]

Consulta o PROGRAMA neste enlace