A ministra Yolanda Díaz reúnese con cooperativas galegas de coidados e vivenda nun acto organizado por EspazoCoop

 

No encontro participaron nove cooperativas de coidados, vivenda e intervención social coa Vicepresidenta Segunda do Goberno, Yolanda Díaz, e a Secretaria de Estado para a Economía Social

O encontro “Coidar, habitar, incluír” celebrouse o sábado 2 de maio no Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio de A Coruña, nun acto organizado pola Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop no que participaron a presidenta da entidade, Ana Olveira, e a Vicepresidenta Segunda do Goberno e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, xunto coa Secretaria de Estado para a Economía Social. O acto reuniu representantes de nove cooperativas galegas dos sectores dos coidados, a vivenda colaborativa e a intervención social, e confirmou a Galicia como territorio de referencia dun cooperativismo que dá resposta a necesidades esenciais das persoas.

Durante dúas horas de traballo, as cooperativas participantes presentaron ante a Ministra os seus modelos: desde as redes de Casas do Maior na Costa da Morte ata os proxectos de vivenda en cesión de uso en A Coruña e Santiago de Compostela, pasando por iniciativas de inclusión social en Ribeira, educación multidisciplinar en Carballo ou intervención sociosanitaria en As Somozas. Un percorrido que evidenciou a capacidade do cooperativismo para xerar servizos de calidade, emprego digno e arraigo territorial.

A Ministra Yolanda Díaz tomou a palabra tras o saúdo inicial e ao remate do encontro para recoller as conclusións das cooperativas participantes. Ao comenzo agradeceu o traballo que desenvolven as cooperativas “que realizades cada día: acompañar procesos de vida, garantir dereitos, abrir oportunidades e construír contornas máis inclusivas”.

Tamén salientou que “a aprobación da Lei Integral de Impulso da Economía Social, unha reforma agardada que moderniza e reforza o marco lexislativo do sector. Esta nova norma actualiza a Lei de Economía Social, a Lei de Cooperativas e a Lei de Empresas de Inserción; clarifica o catálogo de entidades da economía social; amplía os colectivos que poden acceder a itinerarios de inserción; impulsa fórmulas innovadoras como a vivenda cooperativa en cesión de uso, as comunidades enerxéticas ou o comercio xusto; e reforza a contratación pública reservada. En definitiva, supón un avance decisivo para dotar o sector de maior recoñecemento, fortaleza e capacidade de resposta ante os retos actuais. A este fito súmanse outros avances relevantes. Por primeira vez, España publicou a súa Conta Satélite da Economía Social. Grazas a ela dispomos dunha fotografía rigorosa e comparable da dimensión económica, laboral e produtiva dun sector cuxa cifra de negocios representa xa o 11,1% do PIB e xera 2,5 millóns de empregos”.

Un chamamento desde as cooperativas

Pola súa banda, a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, abriu o encontro cunha mensaxe clara: as cooperativas galegas non son unha alternativa marxinal, senón un modelo maduro, sostible e con capacidade de escala. No seu peche, recolleu as conclusións das cooperativas participantes e trasladounas directamente á Ministra como base para avanzar nun marco de colaboración público-cooperativa máis sólido.

As cooperativas que están aquí hoxe non son experiencias illadas. Son a demostración de que outro xeito de prestar servizos esenciais é posible: con máis democracia, máis territorio e máis persoas no centro. Necesitamos que as políticas públicas recoñezan iso e o apoien con instrumentos concretos. Reclamamos unha fiscalidade deste século, que se adapte a un modelo que coida das persoas que o forman e da sociedade no seu conxunto. Do mesmo xeito, pensamos que o cooperativismo pode ser un gran aliado para o reto do relevo xeracional que se ten que dar no tecido empresarial galego, para isto precisamos que mecanismo como a capitalización do desemprego sexa unha ferramenta real e accesible que favoreza o cambio e non que o dificulte. En definitiva precisamos de normas feitas para o noso modelo empresarial e non simplemente parches que adapten normas que non están pensandas para nós ”, sinalou Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop.

Olveira destacou tamén o valor da diversidade de sectores presentes no encontro —coidados, vivenda e intervención social— como expresión da transversalidade do cooperativismo e da súa capacidade para responder a distintos retos sociais desde un mesmo modelo de empresa. “Que nunha mesma sala convivan cooperativas que cuidan a maiores e crianzas , que constrúen vivenda accesible e que traballan con persoas en exclusión é xa de seu unha declaración política. O cooperativismo non escolle entre sectores: acompaña ás persoas onde as necesidades son maiores“, salientou.

As cooperativas que interviñeron

Durante o encontro, representantes das seguintes entidades presentaron os seus proxectos e modelos de traballo:

  • Colectivo Colaxe (Casas do Maior): xestiona unha rede de 10 cooperativas e 21 Casas do Maior na Costa da Morte.
  • Chanzo a Chanzo, S. Coop. Galega: servizos sociosanitarios; xestiona unha Casa do Maior e unha Casa Niño (0-3 anos) en As Somozas.
  • Atoupa, S. Coop. Galega Xuvenil: Consultoría e investigación social (Informe CMs), en Vilalba
  • Lenda Educativa, S. Coop. Galega: educación multidisciplinar para colectivos con diversidades, en Carballo.
  • Enraizando, S. Coop. Galega: intervención social, educativa e terapéutica con colectivos en exclusión e/ou con discapacidade, en Ribeira.
  • Outra Forma de Vivenda / Proxecto As Lavandeiras: vivenda colaborativa en cesión de uso, en A Coruña. Integrada no Grupo galego de vivenda colaborativa de REAS.
  • Proxecto Alvariza: vivenda en cesión de uso en Santiago de Compostela, tamén integrado en REAS.
  • Proxecto O Fogar na Ulla: cooperativa de vivenda en cesión de uso, integrada en REAS.
  • Agrelar Consultoría: consultora galega especializada en proxectos de vivenda colaborativa e inclusiva.
  • Fiare Banca Ética: entidade cooperativa que ofrece servizos financeiros con enfoque na economía social, solidaria e o impacto socioambiental positivo.

O pase de diapositivas require JavaScript.