Cooperativas de Ensino e Grupo Cajamar convocan a VII edición do Premio “Emprendemos” para fomentar a cultura emprendedora na escola

 

A Unión Española de Cooperativas de Ensino (UECoE) e Grupo Cooperativo Cajamar convocaron a sétima edición do Premio “Emprendemos. Fomento do emprendemento cooperativo na escola”, dirixido ao fomento do espírito emprendedor entre os escolares que estean a cursar 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional.

Con esta iniciativa ambas entidades queren contribuír a fomentar e compartir desde a escola os principios e valores que identifican o cooperativismo e a economía social, así como dar visibilidade e recoñecemento a proxectos que veñen desenvolvendo os centros educativos para impulsar a cultura emprendedora e a aptitute empresarial, no marco do cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.

No certame poderán participar grupos de alumnos e alumnas matriculados en centros educativos de todo o estado que estean a cursar a materia “Iniciación á actividade empresarial e emprendedora” ou realizando proxectos innovadores e de emprendemento durante o ano académico 2023/2024, así como alumnos que estean a cursar FP en situacións análogas.

Inscrición e participación

Os proxectos deberán presentarse en grupos que contarán cun número mínimo de 3 alumnos e un máximo de 25, así como cun titor ou titora do centro onde estean matriculados.

Modalidades:

  • Modalidade A: Creación dun proxecto empresarial.
  • Modalidade B: Proxecto a través de Cooperativa Escolar.

Na web de UECOE (https://www.uecoe.es/) poden consultarse as bases e cumprimentar o formulario de inscrición (Bases de participación neste enlace).

Tras iso, é necesario enviar un certificado ao correo: formacion@uecoe.es, no que se acredite que o alumnado está matriculado no centro educativo e que a persoa titora lles imparte clase durante o curso académico 2023/24.

As solicitudes de participación poderán realizarse ata o 5 de febreiro de 2024, e o proxecto deberá enviarse nun prazo que finalizará o 19 de maio de 2024.

A valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios: orixinalidade, grao de madurez e carácter innovador, viabilidade profesional, comercial, técnica, legal e económica; incorporación de elementos de desenvolvemento tecnolóxico; capacidade para desenvolver traballo en equipo; capacidade de implantación noutras provincias, así como de cooperación con outras empresas; impacto social e sustentabilidade do proxecto.

A convocatoria deste premio enmárcase no convenio subscrito entre a Unión Española de Cooperativas de Ensino e Grupo Cooperativo Cajamar para promover o cooperativismo, a economía social e o emprendemento na comunidade educativa.