EC4RURAL: Transición enerxética limpa no rural a través das comunidades enerxéticas.

– Financiado por LIFE Clean Energy Transition sub-programme

– Consorcio multidisciplinar formado por un grupo de 10 entidades que compoñen un consorcio multidisciplinar situado en 3 países diferentes da UE (España, Estonia e Bélxica), liderado pola UVIGO, e integrado ademais pola Universidade de Tartu (EE), a Federación Galega de Municipios e Provincias (ES), a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia (EE), a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu (EE), Sapiens Enerxía (ES), a Unión Leader de Estonia (ELU), Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas (ES), Fundación Juana de Vega (ES) e a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (BE).

– Período: 2023-2027.

Resumo do proxecto

O proxecto europeo EC4RURAL ten como prioridade asegurar que as comunidades rurais europeas participen e se beneficien da transición cara ás enerxías limpas a través da creación de comunidades enerxéticas.

A pesar da súa riqueza de recursos, os municipios rurais de Europa adoitan estar en desvantaxe en comparación cos seus homólogos urbanos: factores como a redución da poboación rural e o menor acceso aos servizos básicos e ao emprego adoitan traducirse na pobreza enerxética dos seus habitantes derivada dos elevados prezos da enerxía actuais.

O proxecto EC4RURAL, financiado polo Programa LIFE, busca afondar e transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa en Europa ao tempo que se garante a participación activa dos axentes locais, evitando que sexan deixados de lado nestes procesos. O proxecto garantirá que as comunidades rurais formen parte e se beneficien dos procesos da transición enerxética limpa fomentando a creación de comunidades enerxéticas rurais para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos.

A acción de EC4RURAL sitúase na órbita dos cambios nos comportamentos dos consumidores e empresas, para facilitar un maior diálogo e investimento conxunto dos actores públicos e privados (inalcanzable a nivel individual), tal e como establece o Pacto Verde Europeo. O proxecto tamén contribuirá ao desenvolvemento rural dentro da nova Política Agraria Común, así como ao Pacto Rural Europeo e á Política de Cohesión Territorial.

EC4RURAL porá en marcha este novo cambio de paradigma a través de 2 pilotos en Estonia e España, cun total de 34 casos de estudo en diferentes municipios rurais, co obxectivo de propiciar a replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo, a través das actividades de comunicación, divulgación e explotación levadas a cabo coa rede de socios e colaboradores externos.

Cal é o papel da Unión de Cooperativas EspazoCoop neste proxecto?

A Unión de Cooperativas EspazoCoop como socia do proxecto EC4Rural participa nel para contribuír a sensibilizar, dinamizar, formar e acompañar ás persoas dos concellos rurais de Galicia que promovan comunidades enerxéticas organizadas baixo modelos cooperativos e de economía social.

MÁIS INFORMACIÓN E NOVAS RELACIONADAS > AQUÍ

WEB DO PROGRAMA > AQUÍ