EspazoCoop presenta a campaña #SomosCoop na asemblea que definirá o seu plan de traballo 2018

 

A sociedade galega consume en moitas cooperativas diariamente, sen sabelo está contribuíndo a un consumo responsable, porque ser cooperativa ten valor.

O cooperativismo medrou en Galicia un 30% dende que comezou a crise. A comunidade conta con 1.318 cooperativas rexistradas, 300 máis que hai dez anos

A Unión de Cooperativas galegas EspazoCoop presentará oficialmente, dentro da súa asemblea do 15 de decembro, a campaña SOMOS COOP, que ten como obxetivo visibilizar o cooperativismo e contribuír á construcción social da imaxe das cooperativas, resaltando os seus valores entre a cidadanía galega para estimular un consumo responsable. 

A campaña, que xa se está viralizando nas redes sociais baixo o lema/hashtag #SomosCoop, responde á necesidade de aumentar o coñecemento das cooperativas, revalorizando un modelo económico positivo, e apoiándose no momento que atravesa a economía social e o cooperativismo en Galicia. Nos últimos anos van xurdindo con forza cooperativas en todos os sectores (cultural, tecnolóxico, formación, financeiro, industrial, automoción, enxeñería, distribución e consumo, sanidade, educación, turismo, transporte, comercio, consultoría, téxtil ou atención ás persoas…), que están protagonizando unha nova estapa na que o cooperativismo galego xa non é só agroalimentario; e que segundo o presidente de EspazoCoop, Celso Gándara, “responden ás demandas dun novo perfil de consumidor/a que fai cada vez un consumo máis responsable e busca produtos e servizos con garantías e valores, sabendo da súa cercanía e do impacto positivo sobre o noso territorio”.

É difícil que non te relaciones con algunha cooperativa: Contribuír a un consumo máis responsable

Somos moitos cidadáns que, vinculados/as ou non ao cooperativismo, temos relacións, intercambios, e consumimos produtos e servizos en cooperativas, aínda sen sabelo. Podemos tomar queixo, ir ao cine, recibir asesoramento fiscal, facer formación profesional, encargar o serigrafiado de camisetas do noso grupo de sendeirismo, contratar o suministro de enerxía eléctrica renovable, coller un taxi ao aeroporto, ir a unha inmobiliaria, contratar unha rehabilitación na nosa casa, mercar alimentos ecolóxicos, gozar dun espectáculo teatral ou dun concerto, contar cun servizo de atención a domicilio para os nosos maiores, facer unha ruta medioambiental guiada, levar as cativas e cativos á escola, mercar pan, solicitar un préstamo financeiro, buscar un servizo de mediación … e poderíamos seguir.

En moitos ámbitos da nosa vida están presentes as cooperativas, pero quizais non o saibamos, por iso a campaña #SomosCoop quere invitar ás cooperativas galegas a que amosen con orgullo este valor. Por outra parte, como consumidoras/es podemos tomar partido e realizar un consumo responsable apostando por modelos empresariais avanzados como son as cooperativas. As asociacións de cooperativas galegas contan nas súas webs con directorios de cooperativas, onde se poden atopar cooperativas de todo tipo e en todos os sectores para facer un consumo cooperativo e con máis sentido.

A gran familia das cooperativas galegas, a pertenza a un movemento

Con esta campaña tamén se espera fortalecer o sentido de pertenza a un movemento que implica a máis de 1.000 millóns de persoas socias en todo o mundo e que xera máis emprego que as empresas multinacionais, que facilita a recuperación de empresas en crise e contribúe a conquerir os obxectivos do milenio, polo que debe ser motivo de orgullo e sinal de identidade para todas as persoas cooperativistas.

* Na imaxe, de esquerda a dereita: Alba Paz, subdirectora xeral de Economía Social; Covadonga Toca Carús, Secretaria Xeral de Empego; e Celso Gándara, presidente de EspazoCoop

As cooperativas, ademais, fan parte moi destacada da Economía Social, sector que conta en Galicia con máis de 7.000 entidades, e emprega xa a 320.000 galegas e galegos, que producen o 10 % do PIB da nosa comunidade, segundo os últimos datos da Consellería de Ec​onomía, Emprego e Industria. Realmente as cooperativas teñen unha gran importancia socioeconómica non só en Galicia senón en todo​ o mundo.

Porque ser cooperativa é un valor: ‘As cooperativas axudamos a construír un mundo mellor’

Unha fórmula empresarial que ten demostrado unha clara resiliencia en Galicia e tamén noutras comunidades. Mentres se destruían empresas e emprego nos anos máis duros da crise, esta alternativa societaria non parou de avanzar. A comunidade conta ademais cunha rede de colaboración impulsada pola administración e formada por diversas organizacións para fomentar o cooperativismo​ e a econo​mía social: a Rede Eusumo.

A economía social e o coperativismo mantiveron durante 2015 e 2016 a súa fortaleza no crecemento e xeración de emprego, con empresas de todos os tamaños e que actúan en todos os sectores de actividade, segundo o informe “Empresas relevantes da Economía Social”, elaborado por CEPES. Proba de que o cooperativismo está a ser unha alternativa de emprego durante a recesión é que a meirande parte son cooperativas de traballo asociado, unha fórmula que se converteu en porta de acceso ao mercado laboral cando o autoemprego é cas​e a única vía para ocuparse.

As cooperativas distínguense doutras empresas, pola súa contribución á xeración de emprego estable; ao desenvolvemento humano e profesional das persoas que agrupan; á creación dun tecido social e empresarial eficaz e solidario; á cohesión social e a solidariedade nos territorios nos que actúan, á democracia na xestión e na toma de decisións, e ao fomento do concepto de responsabilidade social empresarial. O presidente de ESPAZOCOOP, Celso Gándara, pensa que “a fórmula cooperativa será escollida cada vez por máis emprendedoras e emprendedores para poñer en marcha os seus proxectos dentro dunha modalidade empresarial rexida pola sostibilidade e a igualdade, en sintonía coas demandas da sociedade actual”.

En definitiva, son empresas que aportan solucións concretas a colectivos e a territorios, e así o recoñece a Constitución española e o fai tamén o Consello da Unión Europea, que recomenda aplicar e seguir desenvolvendo estratexias e programas que reforcen o cooperativismo e a economía social.

Distínguete como COOPERATIVA: SOMOS COOP

O cooperativismo pode ter orgullo e estar contento por contribuír ao desenvolvemento das persoas socias e dos territorios onde operan, actuando con principios de cooperación, democracia, ou ética nunha economía dominada por grandes eivas neste sentido. É un modelo de progreso social, e propón unha das formas máis avanzadas, xustas e dignas de relacións de traballo, que ten como centro as persoas que deciden cooperar e traballar solidariamente. A Unión de Cooperativas EspazoCoop convida ás/aos cooperativistas galegos a empregar a imaxe gráfica SOMOS COOP que se pode conseguir de balde en calquera das súas sedes.


Podes facerte coa imaxe gráfica en formato dixital, para empregala tamén na vosa web, newsletters, rrss, etc.

Máis información : Campaña Somos Coop | Kit dixital

A Campaña SOMOS COOP conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria (Xunta de Galicia). É unha iniciativa no marco da Rede Eusumo.