EspazoCoop continúa coas xuntanzas cos novos gobernos municipais 

Representantes da Unión reuníronse o mércores 19 de xullo con María Rozas, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago de Compostela

 

Tras as eleccións muncipais do 28 de maio, EspazoCoop está celebrando diferentes xuntanzas cos novos gobernos resultantes co obxectivo de desenvolver novos programas e iniciativas para o fomento do cooperativismo e o seu coñecemento na poboación. Despois da xuntanza de principios de mes co Concello da Coruña, o mércores 19 de xullo tivo lugar un encontro entre representantes de EspazoCoop e o Concello de Santiago de Compostela no que participou María Rozas, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago.

Nesta xuntanza sentáronse as bases de novas e futuras colaboracións, ademais de manter as xa postas en marcha que deron moi bos resultados na achega das especificidades, características e vantaxes do cooperativismo. De feito, na actualidade, en Santiago de Compostela hai preto de 70 cooperativas de distintos sectores como as industrias culturais, as xestorías e asesorías de empresas, artes gráficas, ensino, consultoras ambientais, artesanía, telecomunicaciós ou servizos sociais.

EspazoCoop e o Concello de Santiago de Compostela colaboran dun xeito contínuo desde hai anos a través de diferentes proxectos como o programa “Impulso dun ecosistema emprendedor na economía social”, que busca promover un ecosistema emprendedor no cooperativismo e a economía social na contorna de Santiago de Compostela, ou os Roteiros Cooperativos, unha unha ruta guiada na que as persoas participantes poderán coñecer de preto catro cooperativas da cidade de sectores moi diferentes.

Neste encontro tamén fíxose unha valoración positiva da Capitalidade da Economía Social 2022 de Santiago de Compostela, un recoñecemento ao labor que desenvolven as entidades da economía social entre as que atopamos as cooperativas. Un dos momentos máis importantes dos celebrados en Santiago de Compostela o ano pasado foi o encontro organizado por EspazoCoop de visibilización e intercooperación entre representantes do cooperativismo de traballo asociado, estatal e galego.