Cooperativas máis sólidas: a función xerencial a exame

-Programa de apoio á función xerencial: “Creando Mellora” 2022-

 

Da necesidade de fortalecer as competencias de xestión nas cooperativas aparece hai xa 15 anos un programa de apoio á función xerencial nas asociacións de cooperativas. Nesta edición realizouse no marco do Programa POISES, convocado por Cepes e financiado polo FSE.

Cabe sinalar que máis dun tercio das empresas cooperativas carece de persoal adscrito ás función xerenciais, e as que contan con responsables desta área non sempre teñen formación e competencias especializadas.

O Programa intervén para conectar cooperativas que precisan mellorar na función xerencial e persoas con formación empresarial para acadar un impacto na mellora da cooperativa. Ofrece un soporte durante 5 meses, a través do persoal técnico formado por EspazoCoop ao que capacita para incorporar no seu perfil a dimensión social e democrática característica das empresas cooperativas.

Do intercambio de necesidades xurden as bolsas, contratos para persoas con titulación empresarial que realizan a súa práctica nunha cooperativa. Neste tándem dirixido a “crear mellora”, a Unión de Cooperativas realiza acompañamento externo tanto ás persoas en prácticas como ás empresas.

En 2022 desenvolvemos a 10ª edición do Programa. “Creando Mellora” ven de iniciar etapa trala incorporación do persoal técnico de apoio en cadansúa cooperativa neste mes de Maio, que desta volta son Sacauntos, Galicloud, Seteoitavas e Pegadas.

  • Sacauntos s. coop. Galega | Servizos de deseño gráfico, imaxe corporativa, impresión en grande e pequeno formato, servizos editoriais e de autopublicación. | Santiago de Compostela
  • Galicloud s. coop. Galega | Desenvolvemento de aplicacións informáticas, desde calquera tipo de software a medida ata páxinas web. | Lugo
  • Seteoitavas s. coop. Galega | Arquitectura – Urbanismo – Patrimonio – Fotografía | Vigo
  • Pegadas s. coop. Galega | Servizos de xestión cultural, xestión dixital, serigrafía e rotulación. | A Coruña

Contar cunha persoa bolseira ata Setembro de 2022, vai permitir que estas 4 Socias de EspazoCoop podan analizar, deseñar, planificar e implementar accións de mellora na xestión da cooperativa, tamén, co apoio externo de EspazoCoop, en coordinación coa cooperativa, adaptándose ás súas necesidades.

Do paso polo programa resultarán Plans de Mellora e unha valiosa aprendizaxe para xestionar mellor, cun firme propósito de EspazoCoop por contribuír a fortalecer ás cooperativas, salvar as crises, manter o emprego e evitar a mortalidade empresarial.

EspazoCoop pode financiar o custo deste programa, grazas ás convocatorias públicas ás que se presenta dos gobernos autonómico e estatal para a promoción do cooperativismo, así como polo apoio doutras entidades privadas e públicas. Esta acción é de carácter gratuíta para as cooperativas que resultan seleccionadas e beneficiarias. De feito, dótase dunha axuda económica mensual ás bolseiras pola realización da práctica nas empresas cooperativas.

Pronto contaremos os avances e os traballos realizados coas cooperativas do Programa, que poderán explicarnos en primeira persoa a súas experiencias e como contribúe a súa mellora.


A bagaxe do Programa fala:

  • Despois de nove edicións realizadas, acumulamos un balance de 50 participantes, fundamentalmente cooperativas, ademais de varias entidades de economía social. Á súa vez, máis de 50 bolseiras realizando prácticas entre 4 meses e 1 ano (en función da edición) en empresas cooperativas.
  • As valoracións son moi positivas.
  • A Diagnose feita para a cooperativa, as Propostas de Mellora que se plantexaron, incluso que se levaron a cabo, así como a Aprendizaxe mutua no ámbito xerencial que experimentan, fan que lles resulte un instrumento de apoio moi interesante para a evolución empresarial.
  • Algunhas bolseiras quedan nos cadros de persoal das cooperativas nas que realizan a práctica, outras seguen vinculadas profesionalmente ao cooperativismo e a economía social e solidaria galega. O Programa é unha “canteira” de novos perfís acaídos para o mundo cooperativo galego.

Se queres saber máis, preme nos enlaces das convocatorias 2022:

  • Programa “Creando Mellora”: análise, planificación e xestión participada, neste enlace
  • Búscanse Bolseiras para estadías en cooperativas [Programa “Creando Mellora”], neste enlace

Co apoio de: