Cal foi a motivación principal para iniciar a vosa empresa cooperativa? 

A motivación naceu da nosa propia experiencia profesional. Levabamos anos traballando con persoas neurodiversas e coas súas familias, e víamos sempre a mesma realidade: cando remataba a intervención profesional, o desgaste das familias continuaba, especialmente nas horas e espazos onde non chegaban os servizos tradicionais. Decidimos crear Elefantes Rosas para cubrir ese baleiro e ofrecer un apoio real, no día a día, que coidase tanto á persoa usuaria como á persoa coidadora.

Por que escollistes o modelo cooperativo?

Porque o modelo cooperativo encaixa plenamente cos nosos valores. Queríamos un proxecto horizontal, no que as decisións se tomasen de forma compartida e no que o benestar das persoas que traballan nel fose tan importante como a sustentabilidade económica. Ademais, ao traballar no ámbito social, parecíanos coherente apostar por unha fórmula que prioriza ás persoas por enriba do capital e que fomenta a corresponsabilidade.

Cales foron os principais retos ao converter a idea nun negocio? 

Un dos principais retos foi pasar dunha idea moi clara a nivel social a un modelo economicamente viable. Tivemos que aprender a traducir o impacto social en números, estruturar prezos, pensar en sustentabilidade e entender a parte empresarial sen perder a esencia do proxecto. Outro reto importante foi abrir camiño nun modelo de servizo pouco habitual, especialmente en zonas rurais, onde non existían referencias previas.

Como vos achegastes a EspazoCoop?

Chegamos a EspazoCoop buscando acompañamento e orientación nun momento clave do proxecto, orientadas polo noso asesor do polo de emprendemento, que vía completamente como o noso proxecto encaixaba coa fórmula cooperativa. Tiñamos a idea e a experiencia profesional, pero precisábamos apoio para estruturar o modelo cooperativo, entender os pasos legais e asegurarnos de que estabamos facendo as cousas ben dende o inicio.

Como lle axudaron os programas de EspazoCoop, entre eles, EspazoCoop Emprende? 

Os programas de EspazoCoop foron fundamentais para darlle forma ao proxecto. Axudáronnos a ordenar ideas, a definir mellor o modelo de negocio e a gañar seguridade nas decisións que iamos tomando. EspazoCoop Emprende permitiunos pasar da intuición á planificación, algo clave para consolidar a cooperativa.

Que recursos ou apoio do programa foron máis valiosos para vosa cooperativa? 

O máis valioso foi o acompañamento continuo, grazas a persoa que nos acompañou deixamos de sentirnos completamente soas nun mundo totalmente novidoso para nós. Saber que tiñamos un espazo onde resolver dúbidas, contrastar decisións e recibir feedback profesional de persoas que coñecen ben o cooperativismo deunos moita tranquilidade.

Que recomendacións tedes para futuros participantes do programa? 

Recomendariámoslles aproveitar o programa ao máximo, ir con mente aberta e sen medo a facer preguntas. É importante non quedar só coa parte técnica, senón usar EspazoCoop como un espazo para reflexionar sobre o modelo, os valores e a viabilidade do proxecto. Canto máis se implique unha, máis proveito se lle saca.

De todos os servizos ofrecidos en EspazoCoop Emprende (asesoramiento, formación, soporte…), cal que pensades que aporta maior valor para mellorar as posibilidades de éxito da vosa cooperativa? 

Sen dúbida, a combinación entre asesoramento personalizado e formación. O asesoramento permíteche adaptar a teoría á túa realidade concreta, mentres que a formación axuda a adquirir unha visión máis ampla e estratéxica, dunha área na que no noso caso, estabamos moi perdidas. Esa combinación foi chave para que Elefantes Rosas nacese como un proxecto sólido e con capacidade de crecemento.