O xoves 11 de outubro celébrase o III Foro de Economía Social organizado polo Concello de Santiago, será no CERSIA de Compostela baixo o nome de Compostela, Territorio da Economía Social.

No programa deste ano inclúense varias ponencias e mesas de debate de interese para todas, buscando que sexa un foro moi activo e con moito espazo para o debate.

O III Foro de Economía Social dará comezo cunha proxección de pequenas curtas elaboradas en colaboración coas entidades participantes nos Batidos Sinérxicos de Economía Social, para mellorar a difusión do Escaparate Virtual do Concello desde unha perspectiva máis cálida. De seguido e da man de María Loureiro poderase reflexionar sobre as pautas de consumo e os retos ambientais e sociais para unha economía máis consciente. 

Na segunda parte das xornadas abordaranse a cuestión das cláusulas sociais na contratación pública, cunha mesa de debate na que desengranar as dificultades coas que se atopa a administración para aplicalas, pero tamén as propias entidades para optar a elas (*).

Inmediatamente despois, nunha segunda mesa de debate, falarase das problemáticas que xenera a economía colaborativa cando non é tamén social, analizando o impacto para Compostela de fenómenos como o dos pisos turísticos ilegais.

No seguinte enlace poden consultar o programa completo do Foro que rematará cunha pequena sorpresa artística e un agasallo para as persoas asistentes. A inscrición ao foro realízase a través do formulario en liña tamén dispoñible no enlace: Compostela, Territorio da Economía Social 

(*) Participará o portavoz do ‘Foro pola Economía Social Galega’ do que EspazoCoop fai parte xunto coa Asociación de Cooperativas Agrarias, a Asociación de Sociedades Laborais, a Asociación de Empresas de Inserción, e a Asociación de Centros Especiais de Emprego.

>> O portavoz do Foro, Celso Gándara (Presidente de EspazoCoop) conducirá a Mesa sobre Contratación Pública e Cláusulas Sociais.