En todas as mans é un proxecto de documental centrado nos montes veciñais. A figura do monte veciñal permanece en Galiza e en Portugal (alí coñecidos como baldios). Esta forma de xestión do territorio que está a medio camiño entre as dúas formas de propiedade máis comúns, a pública e a privada, representa en Galiza 700.000 ha, perto do 25% da superficie galega.

Ao longo da historia, os montes veciñais e os baldíos sufriron o intento de usurpación por parte das diferentes administracións. O último intento foi durante o franquismo e o salazarismo, o que orixinou un conflito coa veciñanza dos lugares que rematou coa devolución aos seus lexítimos propietarios. Estas devolucións comezaron hai agora corenta anos. Entendemos que é un momento axeitado para facermos un achegamento a estas realidades.

O proxecto está encarando a fase final. Están en posprodución, montando. A súa idea é facer a estrea en abril.  Aínda así están pelexando por fechar o financiamento que lles permita desenvolver o proxecto nas marxes de calidade que se propuxemos no seu inicio. Para tal fin veñen de lanzar unha campaña final para atinxir parte dese financiamento que lles falta. A campaña estase a desenvolver através da web Verkami. Teñen 35 días para atinxir o obxectivo que se marcaron de 7000 euros.

Para consultar o proxecto e colaborar, premede nesta ligazón.