“As Cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa”
Xoves 4 de novembro de 13 a 14.30 horas | Museo do Pobo Galego
As organizacións máis representativas do movemento cooperativo galego, a Asociacion Galega de Cooperativas Agroalimentarias e a Unión de Cooperativas EspazoCoop celebran un acto conxunto de visibilización do cooperativismo o vindeiro 4 de Novembro en Santiago de Compostela.
O Museo do Pobo Galego acollerá a partir das 13 horas a representantes do sector e de institucións gubernamentais galegas e europeas que amosarán o seu apoio ao cooperativismo e farán público un acordo das entidades Agaca e EspazoCoop. Este acordo materialízase a través da chamada Declaración de Santiago de Compostela “As Cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa”, declaración que, ademais de poñer en valor este modelo empresarial na comunidade, solicitará á administración una serie de demandas identificadas no sector cooperativo que se darán a coñecer a primeira semana de Novembro.
O acto abrirase coa intervención María Canal, Conselleira Económica da Comisión Europea en España. Seguidamente participarán as presidencias de varias Confederacións de Cooperativas estatais: Ángel Villafranca (Confederación de cooperativas Agroalimentarias), Luis Miguel Jurado (Confederación de cooperativas de traballo asociado -Coceta-), e Javier Martínez (Unión española de cooperativas de ensino -Uecoe-). Ademais contarase coa presenza e intervención de María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
A ‘Declaración de Santiago de Compostela 2021’ darese a coñecer a partir das dúas, unha declaración de principios, compromisos e demandas que será asinada polas presidentas de Agaca, Carmen Rodríguez, e EspazoCoop, Ana Olveira, que pecharán o acto coas súas intervencións.
Esta iniciativa seguirá o Programa que se pode consultar neste enlace
—–
Agaca, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, ten por finalidade canalizar todas as propostas das cooperativas socias nos foros correspondentes, de tal xeito que se sintan representadas e defendidas. Exerce a súa actividade a nivel autonómico, estatal e internacional, en tódolos contextos nos que se dirimen intereses do cooperativismo agroalimentario. Fomentan o diálogo e a intercooperación entre os sectores, a tódolos niveis.
EspazoCoop, a Unión de Cooperativas Galegas, é unha asociación de carácter empresarial, multisectorial, e sen ánimo de lucro, que actúa en Galicia. Integra a cooperativas galegas de distintos tipos (traballo asociado, ensino, consumo, servizos …), e inspírase nos principios e valores do movemento cooperativo e da economía social e solidaria. A Unión, fai parte do movemento cooperativo galego, é entidade de referencia na comunidade, e isto permite que esté nas organizacións estatais e internacionais, onde representa ás cooperativas e potencia o cooperativismo. Ten vocación de influír na sociedade e de contribuír aos cambios sociais, defendendo que as cooperativas son un modelo óptimo para o desenvolvemento socioeconómico dos territorios e para realizar tanto proxectos profesionais como doutro tipo. EspazoCoop colabora e traballa para consolidar a economía cooperativa, a que pon no centro ás persoas, a democracia, a participación, a colaboración, o desenvolvemento sostible e a responsabilidade social.
Ámbalas dúas organizacións fan parte do Foro pola Economía Social Galega.