UGACOTA chegou á recta final da execución dos Plans de formación continua para cooperativas e entidades da economía social no período 2014-2015, cumprindo os obxetivos. Cerca de trescentas prazas foron cubertas e recibiron formación continua e de reciclaxe profesional nas convocatorias dos plans (297 prazas).

Ata agosto de 2015 estiveron abertas as programacións formativas, unha de ámbito autonómico (que finalizou en xullo) e outra de ámbito estatal (que finalizou en agosto). Os programas ofertaron e executaron un total 18 actividades formativas na modalidade de teleformación. O catálogo de cursos impartidos abordaba materias como: protección de datos; software libre; dirección e xestión de proxectos; cooperativismo; cultura financeira; habilidades ofimáticas; idiomas; habilidades directivas; mercadotecnica; emprendemento; contabilidade; prevención de riscos laborais; responsabilidade social empresarial ou as comunidades de internet.

A formación dirixiuse a persoas socias e asalariadas de cooperativas e empresas e entidades da economía social, aínda que tamén, ata un límite do 40% de prazas, para persoas en situación de desemprego.

Na convocatoria autonómica:  o 60% das persoas participantes foron mulleres, e as valoracións dos cursos acadaron unha puntuación media de 4,35 (sobre 5). Para a xestión e impartición da programación contouse coas cooperativas Tagen Ata (xestión do Plan e impartición de oito accións) e Cidadanía (impartición dunha acción).

Na convocatoria estatal: o 65% do alumnado inscrito foron mulleres. As valoracións dos cursos acadaron unha puntuación media de 4,28 (sobre 5). Para a xestión e impartición da programación contouse coa cooperativa Tagen Ata (xestión do Plan e impartición das nove accións)

Suliñar que nestas convocatorias se recibiron un total de 1.029 solicitudes.

O Plan autonómico está financiada pola Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar e Cofinanciados polo Fondo Social Europeo. No caso do Plan estatal está financiado pola Fundación Tripartita para a Formación e o Emprego.