Un total de 13 entidades dos sectores das artes escénicas e da música manifestan o seu rexeitamento á externalización do Auditorio Municipal de Ourense
Martes, 13 de abril de 2021
A Sectorial de Cultura da Unión de Cooperativas EspazoCoop súmase ao comunicado que expresa a desaprobación coa externalización do Auditorio Municipal de Ourense, a través dunha política cultural que obvia o tecido produtivo cultural e á cidadanía.
Dende as asociacións e entidades abaixo asinantes amosamos de forma conxunta neste comunicado o noso rexeitamento á vontade manifestada polo goberno local de Ourense de externalizar a actividade do Auditorio Municipal. Esta decisión foi adiantada polo rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, sen achegar claridade ao respecto do modelo de xestión que pretende o Concello nin que prazos están previstos. O anuncio, dada a súa indefinición, preséntase como unha manifestación máis dunha errática política cultural que parece afanarse en obviar os dereitos tanto da cidadanía coma do tecido produtivo cultural da terceira cidade galega. A intención de privatizar a programación do Auditorio Municipal de Ourense viría a unirse a outras lesivas decisións políticas tomadas dende o Concello nos últimos anos, como a retirada de apoio a festivais de longa tradición ou o peche continuado neste 2021 do propio Auditorio, denunciado xa polo propio sector noutro comunicado conxunto.
Con esta decisión, que se antolla como un paso máis no desleixo das funcións municipais, o Goberno local encabezado por Pérez Jácome pretende desprenderse das responsabilidades de todo consistorio á hora de promover a cultura, de apoiar a cultura de base, de fomentar unha programación diversa, garantir o acceso á veciñanza a diferentes expresións artísticas ou dinamizar o tecido produtivo do sector. Prescindir da xestión pública do Auditorio Municipal significará a renuncia expresa a todos estes deberes, facendo de Ourense a única cidade galega que ficará sen decisión directa sobre un espazo de exhibición para a cultura ao vivo.
Ademais, as entidades sectoriais que asinan este comunicado asisten con estupor ás xustificacións esgrimidas polo alcalde ourensán. Os argumentos empregados xorden da imprudencia e manifesta un nesgo impropio para alguén que ostenta o seu cargo. Obviar a rendibilidade social da actividade cultural, o solapamento da cultura como ben público baixo o termo show bussiness ou o desprestixio do equipo de programación do Auditorio parecen formar parte dunha estratexia para desviar a atención dunha errática xestión política e para desfacerse de deberes do Concello.
As trece entidades esíxenlle ao Goberno local de Ourense que todo anuncio que se realice sobre a política cultural municipal veña acompañado pola planificación, polo consenso co sector cultural local, pola máxima claridade e transparencia e que recúe na intención de privatizar a actividade do Auditorio. Por último, as abaixo asinantes queren amosar o seu apoio tanto ao equipo técnico coma aos profesionais da programación que desenvolveron ao longo destes anos un traballo exemplar que, lonxe de atender a gustos particulares, responderon a criterios de calidade e de promoción da cultura.
Entidades asinantes deste comunicado:
1. AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
2. Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas)
3. Músicas ao Vivo
4. AGPXC (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural)
5. Academia Galega de Teatro
6. PAM (Plataforma Artes do Movemento)
7. Asociación Compañías de Danza Emprendo Danza
8. UNIMA Galicia (Unión Internacional da Marioneta)
9. Unión de Cooperativas Espazo Coop – Sectorial de Cultura
10. DramaturGA (Asociación Galega de Dramaturxia)
11. TESGAL (Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo)
12. AFEARTE (Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia)
13. APCG (Asociación de Profesionais de Circo de Galicia)