O impulso que nos falta ás cooperativas

O pasado mes de abril a Organización das Nacións Unidas adoptou a primeira resolución na súa historia de Economía Social, todo un fito e máis aínda se temos en conta que foi iniciativa de España. Na práctica, esta resolución insta os Estados membros a incorporar a Economía Social nos seus plans nacionais, ademais de reclamar a organismos financeiros internacionais a impulsala e reforzala, indo máis aló da mera teoría.

Nun contexto económico marcado pola inflación e a guerra de Ucraína, é precisamente cando a economía social e o cooperativismo convértense en motores socioeconómicos, polo que esta decisión da ONU referenda as políticas de defensa e posta en valor que realizamos desde entidades como a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop. Sempre que hai unha crise o cooperativismo refórzase. Vímolo coa recente crise provocada pola pandemia, de feito, no ano 2020, en plena ebulición do COVID, o número de cooperativas que se crearon foi o segundo máis alto da serie histórica. E esta evolución continúa, en 2022 só en Galicia constituíronse 135 cooperativas, máis dun 10% do total das creadas a nivel estatal.

O cooperativismo xa non se asocia unicamente ao sector primario, antigamente dicir que formabas parte dunha cooperativa era vinculalo ao sector lácteo ou agrario, e máis en Galicia, onde moitas explotacións  atoparon unha fonte de competitividade e desenvolvemento nesa constitución como cooperativa. Por suposto que seguen existindo cooperativas agrarias ou gandeiras, e seguirán existindo porque esta fórmula empresarial ha dinamizado áreas rurais e posibilitou un crecemento económico para as persoas que as constitúen, para as que traballan nelas e para a súa contorna. Pero a día de hoxe, atopamos cooperativas en todos os sectores de actividade como poden ser a cultura, a educación, os coidados  e mesmo a vivenda.

Xeración de riqueza localizada

Pero imos poñer números, temos unha certeza do valor económico que xeran as cooperativas? Porque sempre falamos dos principios do cooperativismo: igualdade, democracia, responsabilidade propia, solidariedade… Somos o sector “hippie” da economía, pero as cooperativas somos empresas, e isto ás veces esquécese. Organizámonos dunha maneira diferente pero, atentos, a facturación da economía social representa un 10% do PIB español. Superamos a suma dos sectores de agricultura, pesca e construción, xeramos máis de 2 millóns de postos de traballo directos e indirectos e alí onde nacemos, quedamos. As cooperativas non se deslocalizan, as persoas traballadoras dunha cooperativa somos socias ao mesmo tempo, temos un compromiso coa nosa contorna e non tería sentido crear algo que anos despois levaremos lonxe de onde vivimos. Demostramos a capacidade de manter empregos en tempos de crises e loitamos contra o despoboamento e a favor do desenvolvimiento local, o emprego creado está ligado ao territorio.

E isto é fundamental en Galicia, a economía social representa o 7% do PIB galego, só as cooperativas facturamos máis de 2.500 millóns de euros no ano 2021. E seguimos crecendo: en EspazoCoop aumentamos o noso número de cooperativas socias nun 50% nos últimos 4 anos, atendemos cada ano ao redor de 100 proxectos de emprendemento que buscan constituírse como cooperativas. Pero fáltanos unha consideración política para optar a fondos europeos, fáltanos un recoñecemento ao noso traballo, ao que representamos e ao que xeramos. Para mostra, un par de datos: no pasado mes de outubro participei na reunión do Consello Estatal para o Fomento da Economía Social, un organismo que se mantivo sen actividade 10 anos; as cooperativas en Galicia réxense pola Lei 5/1998, esta lexislación non recolle a evolución e cambio que viviu o cooperativismo galego nestes 25 anos. Temos unha lei do século pasado para empresas chamadas a ser vangarda e panca do cambio de paradigma económico.

Nuns tempos nos que o adxectivo sostible emprégase para absolutamente todo, é momento de incorporalo á economía: unha economía sostible coas persoas, coa contorna, coas mulleres, cos dereitos sociais, coa corresponsabilidade nos coidados… E nisto, o cooperativismo en concreto e a economía social en xeral ten moito que dicir. Sobre todo, porque levamos anos exercendo modelos de empresa sostibles, moito antes de que se puxese de moda o termo. A ONU parece que nos escoitou, debería ser exemplo para todos os gobernos, locais, autonómicos e estatais.

 

Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop