BEN MERCADO .. Tenda online

BEN MERCADO é unha plataforma común de venda en liña na que entidades da economía social poñen en venda os seus produtos e servizos. Unha oferta sin fin de entidades que colaboran, entre as que se atopan cooperativas, sociedades laborais e iniciativas que poñen en práctica os valores da economía social: moda ética, produción ecolóxica, inclusión social, revitalización do medio rural, etc.

A tenda da economía social galega

Estamos xa nunha das campañas de consumo máis importantes do ano e queremos contar con vós, a nosa rede máis próxima, para testear o funcionamento da tenda en liña BEN MERCADO. Estas datas poden ser unha boa oportunidade para ofrecerlles alternativas a todas as persoas preocupadas por facer un consumo responsable.

Para poñer en marcha este primeiro testeo, convidámosvos a entrar na tenda a través do enlace benmercado.gal e preparámosvos unhas imaxes coas que poderedes animar á vosa xente a comprar en BEN MERCADO a través das vosas redes sociais. Tamén preparamos unha etiqueta que poderedes imprimir e usar nos paquetes que se envíen a través de BEN MERCADO. Podedes descargalas aquí.

A campaña de BEN MERCADO vai coincidir no tempo con outras iniciativas da economía social como a que está lanzando a Unión de Cooperativas ESPAZOCOOP para poñer en valor ás empresas que traballan desde a fórmula cooperativa co distintivo #SomosCoop. Deste xeito, as sinerxías entre ambas campañas poden xerar aínda un maior impacto.

Quedamos á vosa disposición para aclarar calquera dúbida e escoitar as vosas suxerencias; e agradecémosvos, unha vez máis, o voso apoio e confianza neste proxecto ilusionante no que tantas e tantos temos posta unha grande esperanza. Queda aínda moito camiño por percorrer pero o importante é non deixar de avanzar.

Que teñades unhas boas festas e ogallá coloquemos milleiros de etiquetas de BEN MERCADO noutros tantos paquetes este Nadal!                                                                                                                            
O Equipo de Ben Mercado                                                                                                                                                
Ben Mercado