EspazoCoop celebra a Asemblea de Socias, e xa traballa no Plan Estratéxico 2022-2025 


A Unión de Cooperativas Espazocoop -a maior rede de cooperativas galegas- celebrou a súa Asemblea anual de Socias a tarde do mércores 16 de Xuño, coa participación de máis de coarente e cinco asistentes, celebrouse en formato telemático por segundo ano consecutivo por mor da pandemia.

No inicio do acto da asemblea estivo como convidada Covadonga Toca, Directora Xeral Emprego, Traballo Autonómo e Economía Social para agradecer ao cooperativismo a colaboración -como membro da Rede Eusumo- coa Consellería de Emprego e Igualdade, Covadonga deixou constancia da importancia de buscar espazos de encontro e facer crecer a Familia das Cooperativas, ademais, aproveitou para recordar varias ferramentas interesantes que se convocarán proximamente dende a Xunta de Galicia para apoiar a consolidación do cooperativismo (Bono Consolida e ES Transforma, esta última encamiñada á transformación empresarial en cooperativas).

A presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, foi a encarga de dirixir a Asemblea na que se presenta a Memoria Social 2020, para rendir contas do feito e do acontecido no ano marcado pola crise da covid19, sinalando os fitos e retos acadados nun tempo complicado no que a Unión de Cooperativas conseguiu manter os compromisos e o nivel de execución de actividade bastante intacto grazas a poder realizar a súa transformación a formatos telemáticos, e sobre todo, grazas ao esforzo das persoas que conforman o equipo técnico e o consello reitor de EspazoCoop. Neste esceario viuse máis necesario e valioso, se cabe, as redes e a súa participación nelas, así como a importancia de poñer no centro ás persoas.

Destacaron logros como: as novas liñas de financiamento para as cooperativas, a visibilización deste modelo empresarial nas convocatorias públicas, o importante traballo en rede e de representación realizado, xunto co diálogo permanente coas administracións.

Tamén sinalar a creación en 2020 da Aula Virtual para uso formativo principalmente pero tamén para poder desenvolver programas de acompañamento para crear, mentorizar, e consolidar cooperativas, sen a cal non sería posible a execución da actividade comprometida.

A Unión aprobou as Contas 2020 e a proposta de Distribución do Resultado, en positivo: que se incorporará aos fondos propios -non repartibles- e destinados á consolidación da Unión.

Tamén foi presentado o Plan de Xestión 2021 e os orzamentos para o presente ano, que xa ten avanzado a súa implementación, a través de obxetivos concretos como:

  • Visibilizar o cooperativismo, incrementar a súa incidencia política e promover as relacións entre cooperativas.
  • Construír unha unión de cooperativas sostible e eficiente.
  • Consolidación do asesoramento a grupos promotores de novas cooperativas e fortalecemento dos servizos para as cooperativas socias.

Que se traducen nun paquete de actividades e servizos para as cooperativas, axentes colaboradores e a cidadanía en xeral (Catálogo 2021 -actividades e servizos-)

Ademais, na asemblea foron aprobadas as cotas das asociadas (que continuarán como ata agora para as novas incorporacións de cooperativas que soliciten asociarse).

Despois da Asemblea, organizouse un espazo de participación no se presentaron os traballos que se están implementando para elaborar o PLAN ESTRATÉXICO 2022-2025 de EspazoCoop, para informar que xa se conta cos Resultados da Avaliación do Plan E. 2017-2021, e para organizar un tempo de traballo en grupos coas cooperativas, co obxetivo de priorizar liñas de actuación estratéxicas e propor novas, que serán as que conformarán o próximo Plan Estratéxico.

Algúns datos 2020
– Máis de 210 cooperativas socias, 2.570 persoas cooperativistas
– Actividades e accións de divulgación do cooperativismo: máis de 700 persoas beneficiarias e cerca de 20 accións
– Creación de cooperativas: 22 cooperativas constituídas, 51 empregos cooperativos, 209 persoas atendidas (95 proxectos)
– Consolidación de cooperativas: 171 cooperativas atendidas nos distintos programas de mentoring, acompañamento e asesoramento
– Servizos de finanzas éticas: 15 préstamos (756.700 €)
– Programa de formación: 32 cursos, 689 beneficiarias
– Representación: Máis de 10 reunións con distintas consellerías, coa Ministra de Traballo e Economía Social, Concellos, Deputacións, 22 convenios acumulados, membro de redes cooperativas e de economía social (máis de quince)

 

O pase de diapositivas require JavaScript.