A Unión de Cooperativas EspazoCoop asinará un convenio coa USC

NOTA importante : acto de sinatura de convenio de colaboración aprazado por forza maior, comunicaremos proximamente a nova data. A Xornada e a Mostra de Economía Social realízanse igualmente, o aprazamento só afecta á formalización do convenio.
O martes 27 de novembro a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop realiza o acto de sinatura dun Convenio de Colaboración coa USC a través do seu Centro de Estudos Cooperativos. Terá lugar dentro dunha xornada que organizan o Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) e a Rede Eusumo que busca achegar a Economía Social á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC coa actividade: Coñeces a economía social? | Xogo de creación de empresas #ASOLUCIÓNCOOPERATIVA!
O programa desta iniciativa inclúe tamén unha Mostra de economía social con varios stands de organizacións da economía social así como da propia Rede Eusumo.  EspazoCoop estará presente na área dos Expositores xunto a entidades como AESGAL  – Asociación de empresas laborais de Galicia; AGACA – Asociación galega de cooperativas agrarias ; AEIGA – Asociación de empresas de inserción de Galicia; e CEGASAL ; entre outras.
Ao final da mañá Celso Gándara, Presidente de EspazoCoop asinará o Convenio de Colaboración co CECOOP da Universidade de Santiago de Compostela, colaboración que ten o propósito de realizar actividades e proxectos en materia de cooperativismo en forma conxunta en asuntos que resulten de interese para ambas organizacións, entre as cales estarían: desenvolver proxectos de investigación; xerar actividades como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; prestar apoio a investigadoras/es e estudantes; intercambio de materiais académicos; colaboración en proxectos culturais de interese común; e cantos outros sexan considerados de interese mutuo.
A Unión de Cooperativas conta xa con outro convenio de colaboración coa universidade galega, asinado en 2017 coa UVigo e que se materializou despois dunha longa traxectoria de anos de colaboración entre o mundo do cooperativismo e a Universidade de Vigo.

‘Coñeces a economía social? | Xogo de creación de empresas #Asolucióncooperativa! 

Se tes interese en participar e inscribirte na actividade :

Finalidade: Os participantes terán a oportunidade de coñecer as vantaxes e particularidades da fórmula cooperativa como modelo empresarial máis axeitado para emprender nos momentos actuais. Ademais, traballaranse os aspectos clave na creación dunha empresa, dende a maduración da idea de negocio ata a súa presentación en público, mellorando así as habilidades dos asistentes como emprendedoras/es.

Público obxetivo: Estas actividades pretenden achegar e visualizar a economía a toda a comunidade universitaria: alumnado, persoal docente e investigador e persoal de servizos xerais. Tamén está pensada para todas aquelas persoas que queiran achegarse e que estean interesadas na Economía Social.

Folleto desta actividade aquí

Inscricións: A través de 981558008  ou  eusumo.emprego@xunta.gal indicando nome, apelidos e número de DNI.

Fonte: Rede Eusumo