Os días 22, 23 e 24 de novembro, terá lugar o VIII Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil, na Escola de Enxeñeiría Industrial da Universidade de Vigo, na rúa Conde de Torrecedeira 86, Vigo.

A iniciativa está promovida polo Colexio Alborada – Claimo s. coop. galega  de Vigo e o Institut El Cairat de Barcelona, e colaboran na organización o Instituto Cultura Ciencia e Tecnoloxía (ICCT) e a Unión de Cooperativas EspazoCoop. 

Contará coa participación de máis de 70 escolares de educación secundaria e o último ciclo de primaria, pertencentes a 9 centros de ensino de Galicia e Cataluña, dos cales 3 son colexios cooperativos asociados á Unión de Cooperativas EspazoCoop, participan os centros :

  • Colexio Alborada – Claimo S. Coop. Galega | Vigo – Pontevedra
  • Colexio Santiago Apóstol S. Coop. Galega | Soutomaior – A Coruña
  • Colexio Possumus S. Coop. Galega | Vigo – Pontevedra
  • Institut el Cairat | Esparreguera – Barcelona
  • IES David Buján | Cambre – A Coruña
  • IES Ortigueira | Ortigueira – A Coruña
  • Escola Bertran | Sabadell – Barcelona
  • CPR Uxío Novoneyra | Seoane do Courel – Lugo
  • IES Ramón María Aller Ulloa | Lalín – Pontevedra

Este foro naceu pola iniciativa dos propios centros de ensino, entre os que se atopan cooperativas de ensino, buscando a promoción da investigación, o traballo en equipo, o intercambio, e a divulgación entre o alumnado para adquirir as competencias básicas e motivalo no estudo práctico das ciencias experimentais, humanísticas, lingüísticas, etc., ademais de divulgar esta experiencia á comunidade escolar e estimulala a que se sume a este tipo de actividades.

E que outros obxetivos ten?

–  Potenciar a investigación do alumnado de secundaria e metodoloxías que promovan a análise, a creatividade e o inxeñio.
– Fomentar a investigación como metodoloxía.
– Impulsar a difusión do seus resultados e a comunicación da ciencia.
– Introducir dinámicas que potencien o interese pola ciencia en xeral.
– Propiciar o acercamento das diferentes comunidades autónomas e o fomento da convivencia entre mozos e mozas de diferentes comunidades.

O FORO consiste na divulgación de Traballos de Investigación, e estes traballos serán expostos mediante presentación co apoio tecnolóxico que precise o grupo de alumnas/os participante. A metodoloxía empregada para esta iniciativa promove que ao longo do curso escolar se traballe en equipos, baixo a dirección e acompañamento do profesorado dos centros. Neste Foro presentan os traballos realizados, con actitude crítica e opinións encontradas ao redor da investigación científica, exporán e transmitirán todo o proceso realizado e as problemáticas atopadas no mesmo. Traballan solidariamente nos equipos con compromiso e practicando a cooperación, fomentando este tipo de relacións e de traballo.

No Programa pódese consultar os distintos ámbitos temáticos dos Traballos que se presentarán no 8º Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil, preme aquí 

Este ano, baixo o lema “ INVESTIGANDO con EMOCIÓN”, constátase con esta 8ª edición o seu éxito de aceptación e de resultados, por parte tanto do alumnado como do profesorado participante.

O acto de inauguración terá lugar o xoves 22, ás 16:00 horas, será a cargo do Director da Unión de Cooperativas EspazoCoop Tino Gago Conde, xunto co Presidente do ICCT José Luis Vázquez López e o Director da Escola de Enxeñeiría Industrial Juan Enrique Pardo Froján.

A clausura e entrega de diplomas será o venres 23 ás 18:30 horas, a cargo de Miguel Filgueira, Vicepresidente da Unión de Cooperativas EspazoCoop e de Alfonso Fernández Rodríguez, Presidente do Colexio Possumus S. Coop. Galega.

Ademais, o 22 de novembro ás 18 h. a cooperativa Teixugo desenvolve unha actividade para as persoas dos centros participantes: ‘Pranta Bosques’, unha actividade de concienciación medioambiental e de reflexión sobre os incendios forestais, que consistirá na prantación de sementes de árbores (landras) en envases, coa idea de realizar unha prantación de carballos a vindeira edición do Foro, despois de coidar do crecemento das plantas ata 2019.

Por último, o sábado 24 o programa tamén ten previsto unha visita ás Illas Cíes para propiciar nun contexto lúdico o intercambio e a convivencia.

A asistencia a este Foro é gratuíta e de libre acceso, os centros e cooperativas de ensino que desexen asistir deben confirmar asistencia no teléfono 986.866.149 ou no correo electrónico teresa@espazo.coop.

Díptico do Programa aquí – Cartel aquí