A Unión de Cooperativas EspazoCoop pon en marcha un ‘Programa de Formación Especializada’ gratuíta destinada prioritariamente para as cooperativas socias, e tamén para outras cooperativas e organizacións de economía social.
Trátase dunha formación modular orientada a persoas con responsabilidades directivas e xerenciais, en temáticas de xestión empresarial, liderado, ou innovación, entre outras.
Iniciamos o programa este mes de xuño cunha proposta ben interesante:
MÓDULO 1
FERRAMENTAS PARA A INNOVACIÓN : design thinking
O xoves 28 de xuño e o luns 2 de xullo en Santiago – de 9.30 a 17 h. – Rúa Dublín 3, baixos (nas instalación de Cegasal en Combina Social) – Duración do módulo 15 h. | Programa aquí – Inscrición aquí
A acción formativa está impartida e dinamizada por XENEME proxectos sociais, que a través dela pretende achegarnos metodoloxías creativas (Design thinking) orientadas á solución de problemas.
É un proceso de traballo que mezcla o pensamento converxente e diverxente en ciclos de desenvolvemento das ideas, ampliando ou pechando o fluxo da información en relación á necesidade do momento.
Esta metodoloxía facilita os procesos de ideación, xeración e prototipado de solucións dunha forma creativa.
Neste curso aprenderás a manexar esta metodoloxía, a usar técnicas concretas de creatividade e a explorar xeitos para sistematizar este traballo, canalizar os resultados e facilitar a innovación na túa empresa.
A primeira sesión será de formación e adestramento nas diferentes metodoloxías creativas, e no design thinking en concreto. Proporase a resolución dun RETO (conectado coas cooperativas e as empresas de economía social).
Na segunda sesión, coa metodoloxía interiorizada, abordarese retos concretos e desenvolverase varias iteracións sobre diversos prototipos.
O enfoque metodolóxico buscará sorprender, formar e divertir para interiorizar o sistema de traballo.
———-
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo. A REDE EUSUMO é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social