Contratación Pública:

Alianzas estratéxicas e fórmulas de colaboración

A Unión de Cooperativas EspazoCoop presenta un novo módulo formativo dentro do Programa Especializado de Formación Xerencial en Cooperativas -programación 2021-, que está previsto para o mes de Maio.  O curso desenvolveranse en modalidade Teleformación, a través da plataforma da Aula Virtual de EspazoCoop. Trátase da formación:

Contratación pública: Alianzas estratéxicas e fórmulas de colaboración

O curso permite aproximarse ás seguintes cuestións: Como podemos acceder a contratos públicos a través da intercooperación? Cales son as vantaxes de facelo así? Que requisitos e pasos cómpre dar para contratar coa Administración Pública intercooperando? Que ferramentas prácticas nos axudarán?.

Do 18 de maio ao 01 de xuño 2021| 15 horas | 3 sesións virtuais de aprendizaxe.

Fai clic:  ProgramaCartelInscrición

Cota de matrícula: Este curso conta cunha cota de matrícula. Aplicarase unha reducción no importe da mesma ás cooperativas socias da Unión de Cooperativas EspazoCoop.

Equipo Docente Experto

Ana Lorenzo Vila é Socióloga pola UCM. Desde 1994 está vinculada profesionalmente ao cooperativismo, primeiro na Asociación para a Economía Social, despois en diferentes asociacións de cooperativas posteriomente integradas en Espazocoop e como socia traballadora da cooperativa Cidadanía. Nelas realizou investigacións, publicacións, asesoramentos e formacións, nomeadamente no ámbito da organización cooperativa e a participación. Impulsou e participou en numerosos proxectos de intercooperación para a contratación pública, poñendo en colaboración a máis de 10 cooperativas de diferentes sectores.

Antón Ínsua López é Economista pola USC. Ten unha ampla traxectoria profesional no mundo cooperativo, onde foi xerente de Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais S. Coop. Galega durante máis de dezaoito anos, desenvolvendo nela, entre outras, as tarefas de xestión económica e todo o relativo aos procedementos de contratación pública. É socio fundador de Coop57 Galiza e ocupa na actualidade a súa secretaría técnica.



Como é a nosa teleformación?

O tempo de estudo do curso está conformado con diferentes modalidades e obxectivos:

  • Hai unhas horas que son as sesións virtuais de aprendizaxe: con data e hora determinada, que teñen unha duración de 90 minutos, para propiciar o traballo conxunto e colaborativo entre as participantes e para presentar determinados temas.
  • Outras horas que serán as que utilices de xeito libre como alumna/o para ler os contidos que estarán ao teu dispor na plataforma, na Aula virtual de EspazoCoop, para estudar materiais, revisar webgrafía, visionar os vídeos, realizar e enviar as tarefas que se piden no curso á persoa Titora, e revisar a súa retroalimentación.
  • Un tempo que usarás e  organizarás de maneira libre para Foros, Titorías coa docente e, finalmente, un tempo para a Avaliación.

O curso hai que completalo no marco do tempo das datas de inicio e fin indicadas para a acción formativa.



Esta actividade enmárcase nos programas:

– Programa 2021 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para fomentar o cooperativismo e a economía social e conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.

– Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES) 2014-2020 OT 8: conseguir formación e emprego de calidade, convocado por Cepes e financiado polo FSE.]