Paradoxo preséntanos o documental “Os Valores no Camiño”
*Imaxe: Trailer Os Valores no Camiño
Dende a cooperativa socia Paradoxo S. Coop. Galega chéganos o documental “Os Valores no Camiño”, que están interesadas en difundir entre as asociadas e o sector da economía social para dalo a coñecer e mesmo abrir oportunidades para realizar algunha presentación do mesmo, o traballo está vinculado á Asociación Protetora de Animais do Camiño.
“Os Valores no Camiño” é un documental reivindicativo que nos achega á realidade do Camiño de Santiago en Galicia, tanto á súa parte máis máxica e positiva, como a aqueloutra máis contradictoria. As temáticas que aborda esta peza son:
- o movemento dog friendly, a peregrinación con can e o fenómeno do mascotismo
- a situación dos animais, especialmente os considerados “de compañía” na nosa sociedade en xeral e nas poboacións rurais que atravesa o Camiño en particular
- os valores do Camiño e os da nosa sociedade en xeral e a súa aplicación para cos animais
- a turistificación
O documental pretende provocar a reflexión sobre a nosa relación cos animais en xeral, atendendo especialmente ás formas de tenza dos chamados “animais de compañía” e sensibilizar e concienciar ao respecto da súa realidade e padecimientos. Tamén mostra as contradicións que afloran no Camiño de Santiago (e finalmente, na vida en xeral) en relación aos valores sobre os que se sustenta o fenómeno de peregrinación a Santiago polo que convida á reflexión sobre os mesmos, especialmente con aqueles que poidan ter unha relación ou repercusión directa sobre os animais.
O proxecto ten así mesmo unha función informativa sobre: a realidade e forma de vida da maioría dos animais das poboacións rurais que atravesa o roteiro Xacobeo; o fenómeno dog friendly; a utilización de animais na realización do Camiño; o traballo das entidades de protección animal que actúan nestes territorios; as praxis xenéricas das entidades locais respecto á recollida e protección dos animais dos seus respectivos territorios; a convivencia entre peregrinas; o baixo grado de coñecemento das peregrinas e axentes en xeral sobre o significado dos valores (en xeral e do Camiño en particular; a turistificación do Camiño en xeral e en Santiago de Compostela en particular. Finalmente, o documental serve como medio de denuncia, dalgunhas destas situacións, especialmente no relativo á situación dos animais no rural galego e ao exceso de turistificación que sofre a cidade de Santiago de Compostela.
Ficha técnica: neste enlace
Enlace a Youtube: aquí
Sobre Paradoxo S. Coop. Galega
Cooperativa de traballo asociado de produción e xestión cultural. Realizan servizos de apoio a entidades asociativas, produción audiovisual, e xestión cultural.
Leave A Comment