Na Unión de Cooperativas Espazocoop como parte do noso labor de representación e defensa do cooperativismo, apoiamos e acompañamos ás cooperativas socias ante determinadas situacións. Dende este contexto, queremos facernos eco e dar a coñecer os resultados acadados recentemente por unha das nosas cooperativas asociadas, que obtivo o recoñecemento ao dereito á prestación de desemprego para unha persoa socia traballadora (cotizante no réxime especial de autónomos/as), por cese temporal de actividade.

Na casuísta que nos ocupa a Mutua, colaboradora da seguridade social para a tramitación de prestacións e dereitos das persoas enmarcadas no réxime de autónomas/os, rexeitou o dereito da persoa socia traballadora.

A entidade motivou o rexeitamento no incumprimento de requisitos non aplicables ás cooperativas (por formar parte do consello reitor da cooperativa -estando en situación de suspensión temporal da prestación de traballo- , e tamén porque a cooperativa non estaba inscrita no Rexistro Mercantil). Que é resultado dunha aplicación incorrecta dos artigos específicos para cooperativas, da normativa que regula dito dereito (Lei 32/2010 e RD 1541/2011).

A cooperativa afectada, ante a desaprobación do dereito á prestación, presentou unha reclamación, que foi acompañada por unha comunicación da Unión de Cooperativas e unha Certificación do Rexistro de Cooperativas, nas que rexeitaban os aspectos esixidos. Ao mesmo tempo desde a Subdirección Xeral de Economía Social da Xunta de Galicia fixéronse xestións coa Mutua para aclarar os dereitos e obrigas reais da cooperativa e da persoa socia traballadora.

Finalmente a Mutua comunicou á cooperativa o recoñecemento ao dereito á prestación económica de desemprego por cese de actividade para a persoa socia traballadora.

Valoramos como positivo, significativo e importante este fito, en primeiro lugar para a propia cooperativa, á que felicitamos pola súa constancia e firmeza, pero tamén para os dereitos das persoas socias traballadoras de Galicia cotizantes no RETA, polo que suporá na aplicación práctica para outras cooperativas. Ademais, dota de sentido o traballo de respaldo e apoio que se fai dende ás asociacións de cooperativas como Espazocoop e dende a administración competente en materia de cooperativismo e economía social.