O encontro organizado pola Consellería de Traballo desenvolveuse, o 5 e 6 de xullo, baixo o lema “As cooperativas axudan a construír un mundo mellor”. Enmarcouse nas actividades divulgativas e formativas do proxecto europeo COOPERA+, cofinanciado polo Programa De Cooperación Territorial España – Portugal 2007 -2013, que articula medidas que contribúan ao fomento e consolidación das cooperativas na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal.

Neste encontro, presentáronse experiencias de boas prácticas nos aspectos económicos e sociais, co obxecto de coñecer de primeira man distintas realidades e enfoques que destacan pola posta en práctica de valores cooperativos e que permitiron enriquecer a formación e as análises de cooperativistas, axentes cooperativos, persoal técnico e público en xeral.

Tamén se abordaron especificamente, as liñas de actuación públicas e privadas para o fomento do cooperativismo en Galicia.
Durante as xornadas do xoves e venres, 5 e 6 de xullo, contouse con relatores procedentes de distintas partes do mundo, que achegaron a súa particular visión sobre os seguintes temas:

  • O cooperativismo ante a crise mundial.
  • Experiencias cooperativas no ámbito agrario.
  • Experiencias cooperativas no ámbito dos servizos sociais.
  • Experiencias cooperativas na organización do traballo asociado.
  • Novas fórmulas de cooperación.
  • As redes cooperativas internacionais.
  • Panorámica das políticas de fomento cooperativo no mundo.
  • Estratexias de desenvolvemento cooperativo en Galicia.

Paralelamente ao desenvolvemento do Encontro realizouse unha Feira Cooperativa, na que moitas cooperativas participaron cun stand propio no que amosar os seus produtos e servizos. UGACOTA contou con presenza na Feira atendendo no seu stand ás persoas interesadas.

Pódense consultar os relatorios das parcipantes no Encontro na seguinte ligazón.