O proxecto Rede Coruña Emprega está promovido polo Servizo de Promoción Económica e Emprego do Concello da Coruña e cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
O seu obxectivo é o de facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para a súa incorporación ao mercado de traballo.
O Concello da Coruña, asumindo o papel de promotor de emprego, pretende desenvolver unha rede de traballo formulada como unha estratexia clave para a consecución de obxectivos de organización e mellora das política activas de emprego na cidade.
Trátase dun instrumento de desenvolvemento local que pretende mobilizar todos os recursos dispoñibles na cidade para conseguir unha maior coordinación das medidas a favor do emprego. A Rede supón a creación dun novo marco de cooperación entre os distintos axentes locais a favor do emprego.
O traballo da rede xira arredor de catro grandes eixes de actuación:
a. Detección e transferencia de boas prácticas de promoción do emprego e da inserción laboral das entidades implicadas.
b. Desenvolvemento de accións coordinadas que melloren as posiblidades de inserción laboral de persoas desempregadas.
c. Deseño dunha extratexia de difusón conxunta que poña en valor o papel que desempeñan as diferentes entidades a favor da creación, mantemento e mellora da calidade do emprego.
d. Sostenibilidade e mellora continua. A rede de entidades nace con vocación de permanencia. As pezas clave do seu éxito son a avaliación das accións e resultados, a promoción da súa sostenibilidade, o traballo coordinado e a mellora continua.
O pasado 30 de xullo Ugacota materializou a súa adhesión á Rede Coruña Emprega, na que se incorpora como entidade representativa do Cooperativismo e a Economía Social. A súa participación na Rede e nas actividades do Pacto Local de Emprego Municipal garantirán a presenza e difusión do cooperativismo como alternativa de emprego na cidade da Coruña.