Como en anos anteriores, a Secretaría Xeral de Emprego promoverá a participación das cooperativas e entidades de economía social de Galicia no 22º Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat) que terá lugar en Silleda os días 7 a 10 de xuño de 2018.
Neste evento as cooperativas, sociedades laborais e outras entidades de economía social poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos a través dun stand conxunto no que se programarán diversas degustacións. Ademais terán a posibilidade de contactar con numerosos distribuidores no ámbito nacional e internacional, dando así lugar a importantes oportunidades de promoción e negocio.
Esta iniciativa enmárcase dentro das accións de promoción da economía social coas que o Goberno galego quere estimular e dinamizar unhas empresas que contribúen a un modelo de desenvolvemento económico e social equilibrado e sustentable, enraizado no territorio e que ten como protagonistas as persoas.
As cooperativas e outras entidades de economía social que queiran participar deben comunicar o seu interese no enderezo electrónico economiasocial.emprego@xunta.es antes do día 14 de maio de 2018.
A participación no estand é libre de custos para o expositor, correndo só ao seu cargo o produto para súa exposición e degustacións e o seu persoal de atención.