REFLEXIÓNS DA PARTICIPACIÓN NO GSEF2018

Foro Global de Economía Social de Bilbao, do 1 ao 3 de out. 2018

Celso Gándara Carnero | Presidente da Unión de Cooperativas EspazoCoop

Nos días do 1-3 de outubro tiven a oportunidade de participar, na condición de presidente de Espazo Coop, Unión de Cooperativas de Galicia, no IV Global Social Economy Forum, que neste ano 2018 foi organizado en Bilbao. Participaron aproximadamente unhas 1.700 persoas de moitas partes do mundo co obxectivo de impulsar a economía social, os seus valores e competitividade no ámbito local para un desenvolvemento inclusivo e sustentable.

Participaron representantes de organismos estatais e internacionais como a ONU, a OCDE, Comisión Europea, OIT, Alianza Cooperativa Internacional, CEPES, Social Economy Europe, e un largo etcétera. Tamén Cooperativas, Centros Especiais de Emprego, Empresas de Inserción, Asociacións e Fundacións no ámbito máis local e estatal.

Tomar consciencia da dimensión mundial do sector da Economía Social sempre é beneficioso. Dotarnos dunha identidade colectiva que cada vez, vaise asentando máis, dota fundamentalmente de maior sentido e impacto o traballo que dende diferentes ámbitos xeográficos e dende diferentes alcances estamos a realizar os diferentes actores que pertencemos á economía social.

Quixera aproveitar esta oportunidade para simplemente destacar algunhas reflexións que me levei da participación no GSEF2018.

  • O lehendakari do Goberno Vasco, Iñigo Urkullo nos informou do acordo por unanimidade no Parlamento Vasco para avanzar cara a un modelo inclusivo-participativo de empresa. Esta manifestación de forma consensuada mostra o recoñecemento existente do valor e impacto da economía social.

  • A involucración da administración local no fomento da economía social, quedou plasmada na presentación de diferentes políticas e plans, que tiñan un elemento común: A compra pública responsable.

  • Asistín a un obradoiro sobre “Achegas da experiencia cooperativa de Mondragón e retos de futuro” e do moito que se trasladou quedáronme gravadas como a primeira etapa de creación e dimensionamento de cooperativas estaba moi baseada en: Traballar moito, gastar pouco, aforrar e capitalizar as cooperativas. E que o análise que tiñan en 2005 era o de ter logrado unha musculatura forte, unha estrutura ósea sa e un alma cuestionada. Desa alma cuestionada saíron retos de reforzamento da identidade cooperativa: Máis participación na xestión, máis participación nos resultados e máis participación na propiedade.

  • Na intervención de Txomin García, presidente de Laboral Kutxa, mencionaba o seu xuízo algúns retos de cara o futuro, entre eles destacaría tres:

    • Recoñecemento social da economía social, nos ámbitos de decisión. Dado que as nosas respostas foron mellores na xestión da crise e distribuímos mellor a riqueza.

    • O reto da Gobernanza, como un dos nosos elementos identitarios, que ten que preocupar e ocupar de forma constante. Apelou á paciencia e á constante evolución.

    • O financiamento, como un factor tradicionalmente limitante, e que debemos seguir avanzando en instrumentos que se adapten á nosa realidade.

  • David Pino, responsable do plan de innovación social de Sevilla, falaba de que a economía social naceu da necesidade, dunha problemática e agora como forma de evolucionar nos debe mobilizar a aspiración, a través de proxectos atractivos, ambiciosos que xeren afiliacións e sedución.

  • Na declaración final do GSEF2018 foi moi emotivo, o grito das persoas mozas, tratando de facerse un espazo dentro da economía social. Arrancando un aplauso do auditorio. Mais alá do acontecido, merece unha reflexión, esta labazada na cara, reivindicativa da mocidade de cara a ocupar o seu sitio no sector.

En fin, non pretendía con estas reflexións unha análise detallada e profunda, senón compartir con vós algunhas aprendizaxes que me trouxen e soamente aspiro a que algunha delas poda ser inspiradora.

Celso Gándara

Presidente de EspazoCoop