Dende a Unión Española de Cooperativas de Ensino UECoE (da que EspazoCoop forma parte a través da Sectorial de Ensino) chéganos a seguinte nova:

Nota de Prensa. EFE – 5 de outubro de 2018

O Ministerio de Educación e Formación Profesional constituíu o pasado 5 de outubro a Mesa Estatal do Ensino Concertado que se reuniu por primeira vez na sé do ministerio desde que fose aprobada a súa creación en 2013, fai cinco anos. ‘Este ministerio está moi satisfeito coa constitución desta mesa para iniciar as canles de diálogo e negociación imprescindibles para mellora da educación concertada’, asegurou o secretario de Estado de Educación e Formación Profesional, Alejandro Tiana.

A mesa, que reúne a sindicatos, patronal e representantes do ensino concertado, analizou o modo de levar as subidas salariais das persoas empregadas públicas ao profesorado da educación concertada dentro da perspectiva dunha equiparación gradual.

‘A reunión desta mesa é unha mostra do compromiso que o Ministerio de Educación e Formación Profesional adoptou co ensino e, por suposto, coa concertada, parte importante do sistema educativo’, suliñou.

As federacións de Educación dos sindicatos CCOO e UGT e a Federación de Sindicatos Independentes de Ensino (FSIE) valoraron a constitución desta Mesa, á que trasladaron as súas propostas para mellorar as condicións laborais no sector.

Entre as peticións de CCOO, figura o cumprimento da Lei Orgánica de Educación (LOE) en relación coa homologación retributiva, xa que a creación dalgúns complementos salariales no ensino público non se trasladou á concertada, pero si ao profesorado de Relixión.

Así mesmo reclamaron a extensión do pago delegado ao persoal de servizos e administración e ao persoal complementario; a revisión dos persoais; unha nova normativa básica sobre concertos educativos adaptada ás novas realidades; a disminución de ratios; a prórroga das condicións actuais sobre xubilación parcial e a redución da xornada lectiva.

UGT instou ao departamento de Isabel Celaá a abordar “con determinación” os problemas “reais” das persoas traballadoras como a homologación salarial ou o pago delegado para todas as traballadora-es, entre outros aspectos.

Tamén fixo fincapé na necesidade de continuar coa Mesa de estudos de módulos de concertos, de seguir potenciando a discriminación positiva de Ceuta e Melilla, o financiamento de paga extraordinaria por antigüidade e a xubilación parcial en todo o Estado.

Para FSIE, con esta Mesa Sectorial aportarase estabilidade e tranquilidade ao sector reducindo a “incerteza e preocupación crecente dos últimos meses”.

A equiparación salarial co ensino público, incrementar o módulo do concerto -“actualmente insuficiente”- ou que a Lei da Profesión Docente inclúa a todos os docentes con independencia do centro no que traballan, son algúns dos temas que deben abordarse segundo a federación.