Presentación de
ES-MENTORING
Acompañamento á Economía Social.
O Proxecto ES-MENTORING, é unha iniciativa de mentorización novidosa desenvolvida conxuntamente entre Agaca e EspazoCoop, co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co fin de apoiar e e consolidar as entidades de economía social galegas, que será presentada publicamente a próxima semana.
ES-MENTORING diríxese ás empresas da economía social que teñen unha necesidade específica, ou que están nun momento de crise, proceso de cambio, transformación, innovación… e están interesadas en recibir orientación ou asesoramento sobre como enfocar a situación por parte doutras empresas da economía social ou persoas mentoras xa consolidadas e que poidan ter pasado por situacións similares con anterioridade.
Promovemos a creación dunha Rede de mentorías na economía social que permita compartir os coñecementos, vivencias e habilidades dos profesionais con experiencia con outras entidades da economía social que precisan implementar melloras.
A iniciativa ES-MENTORING será desenvolvida conxuntamente por Agaca e a Unión de Cooperativas EspazoCoop, coa colaboración da Xunta de Galicia, a súa presentación está prevista para o luns 21 de novembro no Hotel Puerta del Camino (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n) en Santiago de Compostela, (asistencia libre ata completar aforo).
No programa desta xornada, de 9.30 a 13.30 h., está previsto un Café de benvida, a presentación de ES-MENTORING (con Agaca), a exposición de Boas Prácticas de mentoría na economía social (con ANEL-Navarra), a presentación da imaxe e a Web do programa (con Agaca), unha charla sobre os Polos de Emprendemento para consolidar proxectos (coa Dirección xeral de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia), e finalizará cun cóctel e viño de cooperativas.
A Xornada está dirixida tanto a empresas cooperativas e da economía social interesadas en ser beneficiarias do programa, como a mentoras interesadas en participar na Rede de Mentorías.
Consulta o Programa neste enlace
Para aquelas persoas que non podan asistir presencialmente, habilitarase a opción en liña, a través da plataforma Zoom (rexistro neste enlace).