Máis de 100 escolares de Galicia e Cataluña danse cita no XII Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil

 

O XII Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil, celébrase no Hotel Coia de Vigo, un encontro dirixido por EspazoCoop (Unión de Cooperativas de Galicia) e o Instituto Cultura, Ciencia e Tecnoloxía (ICCT), que reúne a máis de 100 escolares de Galicia e Cataluña.

Este Foro ten por obxectivo crear lazos de unión e coñecementos mutuos que enriquezan e fomenten o futuro das universidades mediante o intercambio de ideas e proxectos entre centros de diferentes comunidades. Durante dous días, 114 escolares de ESO de 8 centros educativos de Galicia e Cataluña presentan os seus traballos de investigación a través de relatorios orais.

Impulsado polo CPR Plurilingüe Alborada de Vigo e o Instituto Cairat de Esparreguera, o programa deste Foro non só recolle proxectos de investigación con método científico riguroso, tamén hai tecnoloxía aplicada á investigación, proxectos sobre natureza e ecosistemas ou sobre aspectos sociais como a influencia das novas tecnoloxías. Durante todo o ano os escolares dos diferentes Centros preparan os seus proxectos e no marco do Foro preséntalos sen competir, só polo enriquecemento de falar do traballo propio e escoitar o labor dos demais participantes.

Dos 8 centros participantes, hai 3 representantes da sectorial de ensino de EspazoCoop: o Colexio Eduardo Pondal, o CPR Santiago Apóstol e o Colexio Plurilingüe Alborada.

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.