Inicia o Proxecto SEMENTE
Este mes de novembro EspazoCoop comezou a formación do Programa Semente do Concello da Coruña, que ademais foi inaugurado polo Concelleiro de Emprego e Economía Social do concello.
SEMENTE é un Programa educativo que pretende fomentar os valores da economía social e a aptitude emprendedora a través da creación e xestión dunha cooperativa escolar na aula entre o alumnado de Primaria e de Educación Especial.
Mediante as sesións de capacitación de EspazoCoop das últimas semanas quedaron constituídas 14 cooperativas escolares que van participar no Mercado do Programa Semente que se celebrará, cara finais de curso, na Praza de María Pita. Agora o alumnado está recibindo as sesións para a elaboración dos produtos ou servizos que máis tarde venderán no Mercado.
Nesta edición 2018-19 participan 14 cooperativas de 9 colexios da cidade da Coruña, nenos e nenas dos 2º e 3º ciclo de educación primaria (9 a 11 anos) e alumnado de Educación Especial. O programa reproduce situacións reais no proceso de constitución dunha cooperativa e as súas actividades posteriores: fabrícanse produtos para realizar unha venda “real” ao final do curso. Parte dos beneficios obtidos na venda destínanse a doazóns.
Os seus Obxetivos perseguen aspectos como :
– Desenvolvemento de capacidades emprendedoras
– Conexión entre a escola e a empresa
– Impulsar o coñecemento do comercio xusto e da economía social
– Realizar unha aprendizaxe transversal nun contexto creativo e lúdico
– Adquirir hábitos de comportamento autónomo en relación co traballo e orientados a relacións interpersoais
– Coñecer as normas de funcionamento grupais
O proxecto favorece o desenvolvemento de competencias emprendedoras entre os nenos e as nenas (capacidade creativa, asunción de riscos, liderado, motivación, comunicación, negociación, toma de decisións, planificación…).
O programa ten estes Contidos:
Fase I.- Formación do alumnado: sesións de formación sobre cooperativismo e sesións prácticas para a elaboración dos produtos
Fase II.- Realización do Mercado
A Metodoloxía:
O proxecto consiste na impartición de talleres, por parte de docentes expertos en cooperativismo, sobre o que é unha cooperativa, a súa constitución e o desenvolvemento da súa actividade. Para a elaboración dos produtos o alumnado recibe formación de apoio.
As cooperativas participantes solicitan e obteñen a licenza de venda nun acto protocolario e, posteriormente, venden os produtos elaborados nun mercado que se realiza na praza de María Pita.
SEMENTE leva varios anos fomentando o emprendemento en clave cooperativa entre o alumnado da cidade da Coruña.