O vindeiro 24 de outubro terá lugar a celebración dun encontro de empresas de economía social e entidades sociais do sector TIC galego para reflexionar sobre as posibilidades de intercooperación no marco dos emerxentes mercados de economía social ou solidaria. Tratarase de debater sobre como poden as cooperativas e sociedades laborais galegas que se adican ás TIC cooperar entre si para impulsar o desenvolvemento e a competitividade do sector.

O acto está organizado pola Federación de Cooperativas SINERXIA e celebrarase no Centro Sociocultural da Trisca de Santiago de Compostela (Rúa Corredoira das Fraguas 92, ) Na sesión da mañá as diferentes empresas asistentes exporán os seus proxectos, produtos e servizos, especialmente aqueles que supoñan un exemplo de intercooperación. Na sesión da tarde, as entidades participantes traballarán na definición de obxectivos e liñas de actuación futuras no eido da intercooperación.

Ao encontro, que comezará ás 10:00 e que se prolongará ata as 14:00 para reanudarse as 16:00, xa confirmaron a súa asistencia cooperativas e sociedades laborais como O cable inglés, ITACA, Tagen Ata, Liflite, Intergal, Cidadania, Ailalelo Deseño, Ozono Multimedia, etc. e entidades como AGASOL (Asociación Galega de Software Libre) e AESGAL (Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia). A xornada ten un carácter aberto ao público na súa sesión de mañá.

 

Mais información e inscricións premendo aquí