A Comunidade autónoma conmemorará o Ano Internacional das Cooperativas, proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, cun encontro mundial cooperativo que terá lugar en Santiago no mes de xullo.
Así o avanzou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no Pleno extraordinario do Consello Galego de Cooperativas celebrado en Santiago o venres 1 de xuño.
O Encontro Internacional celebrarase durante varios días e terá o seu colofón coincidindo o 7 de xullo co Día do Cooperativismo. Simultaneamente terá lugar unha mostra de produtos e servizos cooperativos.
A Conselleira apuntou que este encontro forma parte dunha programación conxunta que se está a xestionar de xeito coordinado entre o departamento autonómico e as asociacións de cooperativas e que inclúe, ademais, a elaboración de publicacións, reportaxes e materiais divulgativos, así como a celebración de xornadas técnicas centradas no eido do cooperativismo.

Así mesmo, Galicia participará na Exposición da Alianza Cooperativa Internacional que se celebrará en Manchester do 31 de outubro ao 2 de novembro. Desde a Xunta estanse a promover declaracións institucionais de apoio ás cooperativas.

A titular de Traballo animou aos cooperativistas a que prosigan co seu esforzo na promoción e fomento desta fórmula empresarial, xa que insistiu en que está a demostrar que é forte fronte á crise:

  • Na actualidade existen en Galicia máis de 1.100 cooperativas activas que agrupan a máis de 88.000 socios e sosteñen preto de 28.000 empregos.
  • Contan cun volume de facturación de máis de 2,4 millóns de euros anuais.
  • Dende o ano 2009  o número de socios e socias nas cooperativas galegas aumentou en máis de 3.000.
  • O investimento do departamento autonómico no eido do cooperativismo superou os 16 millóns de euros nos últimos 3 anos.

Mato avogou por que as cooperativas agrarias continúan a desenvolver o seu papel na fixación da poboación no medio rural, na regulación dos mercados, na dinamización da actividade produtiva e na dotación de servizos que melloran a calidade de vida dos seus socios e da súa contorna social.
Ademais, a responsable do departamento autonómico gabou o labor dos representantes das cooperativas de traballo asociado e de ensino, xa que indicou que están a manter os postos de traballo creados e seguen xerando emprego de calidade.

Tamén animou aos concellos, representados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a que consoliden a súa actividade de divulgación a través das oficinas de fomento cooperativo e ás universidades galegas coas que colabora a Consellería de Traballo e Benestar no seu traballo de investigación e formación.

Compromiso coa economía social
A Conselleira lembrou o compromiso que o Goberno galego está a ter coa economía social e, neste sentido, recordou que a Xunta modificou a normativa reguladora das cooperativas para adaptala aos tempos actuais e potenciar a súa mellora e competitividade e está a manter os incentivos e liñas de axuda.
Así mesmo, sinalou que a Consellería de Traballo puxo en marcha a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e o proxecto Coopera+ co obxectivo de articular medidas que contribúan ao fomento e consolidación das cooperativas na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, unha iniciativa que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros. A titular da área autonómica tamén reafirmou a aposta do Goberno galego polo I+D+i como motor da competitividade.

Concluíu asegurando que “a Xunta está a traballar para aproveitar as potencialidades que teñen as cooperativas en Galicia ”.

Para ler a Declaración aprobada no Pleno do Consello, prema aquí.