Achéganse as festas do Nadal, unha época que as galegas e galegos dedicamos a estar coa familia e os nosos seres queridos. Pero tamén son datas dun gran consumo. Diversas fontes estiman que, en Galicia, cada persoa gastará de media 591 euros con motivo desta festividade.

Imaxinas que, coa túa contribución, puideras fomentar que parte dese gasto se destine á economía social máis próxima á túa contorna?

Desde a Rede Eusumo quérese incentivar un Nadal máis social e cooperativo pedíndoche só unha cousa:

Se formas parte dunha empresa de economía social de Galicia, envía unha foto túa posando cun obxecto que simbolice a actividade da túa entidade e envía tamén unha frase respondendo á seguinte pregunta:

Por que é importante consumir contribuíndo á economía social?

A imaxe e o texto non poderán conter mensaxes comerciais e debes envialos ao enderezo electrónico economiasocialgalicia@gmail.com indicando no asunto o nome da persoa que posa e a cooperativa ou empresa á que representa. Unha vez recibida e revisada, publicaremos a imaxe nas contas de Facebook e Twitter da Rede Eusumo.

Se o prefires, tamén podes subir directamente a foto ao teu perfil de Facebook e/ou Twitter etiquetando ou mencionando á Rede Eusumo e se encargarán de revisala e subila aos perfís sociais.

Moitas grazas polo teu apoio!

Podes atopar á Rede Eusumo en…

Web: http://eusumo.gal

Facebook: https://www.facebook.com/eusumogal

Twitter: https://twitter.com/eusumogal

 

Fonte da nova: Web da Rede Eusumo