EspazoCoop e In-Red promocionan o cooperativismo coa sinatura dun convenio de colaboración
Ambas as dúas entidades acordan colaborar en iniciativas e proxectos que fomenten a economía social e o emprego no ámbito da discapacidade
Esta semana, a Unión de Cooperativas de Galicia EspazoCoop representada pola súa Presidenta Ana Olveira, e In-Red, Asociación Profesional e Empresarial Galega de CEE e Entidades do ámbito da Discapacidade Intelectual e afíns, representada pola súa Presidenta María Dolores Fernández García, asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promocionar o cooperativismo, a economía social e o emprego no ámbito da discapacidade.
Froito deste acordo, ambas as dúas entidades comprométense a desenvolver accións e iniciativas dirixidas ao fomento do autoemprego e á creación de cooperativas, apoiando ao tecido empresarial social e contribuíndo ao crecemento socioeconómico de Galicia. No marco do convenio asinado, EspazoCoop ofrecerá actividades de información, asesoramento e formación, que vaian encamiñadas á mellora da cualificación profesional e empresarial daquelas persoas que opten por autoempregarse a través dun proxecto empresarial baixo a fórmula de cooperativa de traballo.
Ademais, desde a Unión atenderase de maneira persoal e individual a aquelas persoas que así o soliciten, coa finalidade de orientalas e informalas sobre a fórmula empresarial cooperativa de traballo e fomentar o autoemprego, con especial atención aos colectivos con dificultades de acceso ao mundo laboral ou en situacións de risco de exclusión social.
Tamén se realizarán charlas informativas sobre o cooperativismo en particular e a Economía Social en xeral, para mostrar ás persoas destinatarias aqueles coñecementos concretos e necesarios sobre a constitución, funcionamento e organización deste tipo de empresas; e impartiranse sesións de orientación dirixidas a persoas interesadas na creación e posta en marcha da súa propia empresa, baixo a fórmula cooperativa, co fin de acceder ao mercado laboral ou mellorar as súas condicións nel.
Pola súa banda, In-Red IN-RED comprométese a poñer en valor o cooperativismo nas súas actividades formativas, de asesoramento e formación. Visibilizará o cooperativismo nas actuacións de orientación e información sobre fórmulas empresariais e fomento do autoemprego e incorporará nas charlas informativas sobre potencialidades de emprego e emprendemento, contidos sobre a constitución e o funcionamento das cooperativas, como alternativa de emprego.
Este convenio terá un ano de duración e pode prorrogarse de maneira tácita por períodos de mesma duración.