EspazoCoop colabora con Daveiga no seu programa de Desenvolvemento Rural a través da Economía Social

 

 

EspazoCoop está colaborando con DAVEIGA no seu Programa de Fomento do Desenvolvemento Rural Sustentable a través da Economía Social e a Innovación nos Centros de Ensino. Dito proxecto pretende promover a cultura emprendedora, a economía social, e a innovación no ámbito rural galego, destinando as súas actividades ao alumnado de centros de formación profesional, bacharelato e mestrados universitarios.

Daveiga – Galletas Mariñeiras, como referente de empresa de economía social de produción responsable, quere achegar aos centros perspectivas máis amplas das oportunidades de incorporación ao mundo laboral a través de empresas de economía social, entre elas as cooperativas, aproveitando as posibilidades que nos ofrece a contorna máis próxima e o ámbito rural.

O programa, que se pode consultar neste enlace, ofrece un conxunto de actividades a modo de itinerario ao longo do período lectivo 2023-2024, como son:

  • Xornadas divulgativas “Daveiga como modelo de empresa de economía social, desenvolvemento rural e innovación” (en Daveiga).
  • Obradoiros “Aprender a emprender no rural dende a economía social”.
  • Concurso de Ideas Empresariais para o desenvolvemento do rural, a través da economía social e a innovación.
  • Concurso de Proxectos Traballos Fin de Mestrado de desenvolvemento local aplicados ao rural.
  • Xornada novas oportunidades de emprego na Galiza Rural, economía social, innovación, economía circular e desenvolvemento local.

Neste contexto, a Unión de Cooperativas, está impartindo un Obradoiro de teleformación para un grupo de estudantes do IES Val do Asma de Chantada (Lugo), do 19 de febreiro ao 1 de marzo de 2024. Con esta formación afóndase no coñecemento da economía social, a cooperativa e a sociedade laboral como ferramentas para o emprendemento no rural. Trabállase co alumnado para madurar a idea dun proxecto empresarial no rural a través dunha cooperativa ou unha sociedade laboral, e danse a coñecer os pasos e trámites a realizar para a posta en marcha dunha empresa cooperativa e unha sociedade laboral.

O programa de Daveiga avanzará durante 2024 coa participación no mesmo de distintos colectivos de alumnado nas accións do seu itinerario (Visita a Daveiga, Obradoiros formativos, Concurso de Ideas, Concurso de Proxectos, e participación na Xornada final prevista), deste xeito poderán contar cunha visión completa do proceso de posta en marcha dun emprendemento na economía social, ademais, visibilizarán o tecido cooperativo e das sociedades laborais en Galicia, máis concretamente no mundo rural.

No programa de Daveiga, Fomento do Desenvolvemento Rural Sustentable a través da Economía Social e a Innovación nos Centros de Ensino, colaboran entidades referentes no ámbito do emprendemento, a economía social, o desenvolvemento económico e a innovación: Semente Ribeira Sacra, Unión de Cooperativas EspazoCoop, Aesgal, Grupo de Investigación Icede da USC, e Máster DEIN.