Entrevista a Maite Cancelo, autora do “Informe da Economía Social de Galicia”

Entrevista a Maite Cancelo, Directora do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da Universidade de Santiago de Compostela, autora do Informe da Economía Social en Galicia 2021: “As fórmulas asociativas como EspazoCoop son importantes xa que atenden necesidades específicas e difunden os valores recollidos nos principios cooperativos”

 

Maite Cancelo é un referente ao falar de cooperativismo e economía social en Galicia. Doutora en Ciencias Económicas e profesora titular de Economía Aplicada, ademais de Directora do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da Universidade de Santiago de Compostela, é autora do Informe da Economía Social en Galicia 2021, un pormenorizado estudo no que analiza a situación deste modelo económico, expoñendo como se atopa na actualidade e atendendo ás especificidades do caso galego.

Neste informe recóllese que contabilizando as cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, en Galicia hai máis de 1.931 empresas con máis de 12.000 empregos, “pero se engadimos as outras familias de ES de mercado son máis de 6.000 entidades, e aínda que non dispoñemos de todo o emprego, podemos falar de case 148.000 asociados, mutualistas e comuneiros das mutuas e mutualidades, confrarías de pescadores, sociedades agrarias de transformación (SAT) e comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común (CMMVMC). A súa presenza está maioritariamente no sector servizos, o cal está acorde coa estrutura produtiva das economías desenvolvidas, aínda que no ámbito rural teñen unha importante presenza a través das cooperativas, SAT e as CMMVMC”, sinala Maite Cancelo.

Como mudou a economía social nos últimos anos?

Obsérvase un maior dinamismo na creación destas entidades salvo no que se refire ás sociedades laborais, fórmula de autoemprego colectivo que a pesar dos últimos cambios lexislativos, non consegue reverter a tendencia decrecente do número de empresas e o emprego xerado polas mesma, sobre todo no sector da construción, onde estas empresas tiveron unha presenza moi importante e vironse moi afectadas ao estoupar a chamada burbulla inmobiliaria no ano 2008.

Que expectativas de futuro presenta o sector? Podemos esperar que continúe o aumento anual en número de entidades?

No ano 2021 creáronse 135 novas cooperativas, 28 sociedades laborais, 6 centros especiais de emprego e 1 empresa de inserción laboral, continuando coa senda crecente, sobre todo no caso das cooperativas. Estes datos esperamos que poidan seguir mellorando, sobre todo, debido aos plans e estratexias que, desde diferentes niveis, están a aprobarse e que terán un impacto positivo sobre o desenvolvemento destas entidades. Estes plans analízanse no Informe de ES en Galicia 2021 e, que a modo de resumo son:

  • A nivel europeo: o Plan de Acción para a Economía Social “Construír unha economía que traballa para as persoas” aprobado pola Comisión Europea o 9 de decembro de 2021 que consta de 38 medidas, ten un horizonte temporal ata o 2030 e dota á Unión Europea dunha política para potenciar o desenvolvemento económico e de creación de emprego das empresas de Economía Social.
  • A nivel do Estado: a Estratexia Española de Economía Social 2021-2027 e o Proxecto Estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) da Economía Social e dos coidados, que responde as demandas iniciadas no Plan de Acción Europeo e que, cunha dotación de máis de 800 millóns de euros, busca estimular unha economía inclusiva, centrada nas persoas.
  • En Galicia, a primeira Estratexia galega da Economía Social puxo o foco no incremento de entidades, na xeración de emprego e a igualdade de oportunidades, que contou cun orzamento de 73 millóns de euros para o período 2019-21. As distintas actuacións que desde a Xunta de Galicia viñeron desenvolvendo a partir do ano 2021 (como o Bono Consolida e o programa É-Transforma) contaron con orzamentos crecentes no tempo. Neste ano, 2023, está a elaborarse a nova Estratexia galega.

Respecto a outras comunidades, como se atopa Galicia analizando as cifras da economía social?

Para comparar con outras CC.AA., dada a insuficiencia de datos que hai dalgunhas das entidades que forman a ES, centrarémonos nos datos que se recollen no portal estatístico CIRIECSTAT co que o CECOOP colabora e que nos indica que somos en torno ao 5% das cooperativas, sociedades laborais e empresas de inserción de España, e algo máis, o 6,5% no caso dos centros especiais de emprego e o 8,8% das sociedades agrarias de transformación. Por último, se analizamos o peso das confrarías de pescadores a cifra elévase a case o 32% do conxunto estatal. E a nivel lexislativo, Galicia foi o primeira CC.AA. en contar cunha lei propia en Economía Social, e a día de hoxe, son poucas as que están a desenvolver (ou que aprobaron) lexislación propia nesta materia.

Que características propias presenta a economía social galega? Por exemplo, presenza en zonas rurais, presenza de mulleres etc.

Para analizar as particularidades da ES centrarémonos no caso das cooperativas, que operan maioritariamente no sector servizos (46,8), e en segundo lugar, están maioritariamente presentes no sector agrario (30,8%). Se analizamos a presenza das cooperativas segundo o grao de urbanización dos concellos galegos, acentúanse as diferenzas na súa presenza territorial, o 36,5% das cooperativas atópanse nas zonas pouco poboadas (máis rurais), o 35,5% en zonas densamente poboadas (as que corresponden coas grandes cidades) e o 27,9% nas zonas intermedias.

Con relación á tipoloxía das cooperativas que se atopan no sector máis rural: o 58% atopámolas no sector da agricultura, o 22% en servizos, o 15,6% en industria e o 4% no sector da construción.

Os datos dispoñibles da presenza das mulleres son diferentes segundo as entidades analizadas, pero podemos indicar que, no ano 2021:

  • O 51% das persoas iniciais socias nas cooperativas son mulleres e o 42% nas sociedades laborais.
  • O 60% das persoas contratadas nas empresas de inserción laboral son mulleres e o 41% nos centros especiais de emprego.
  • O 12,4% das afiliacións no ámbito empresarial nas confrarías de pescadores son mulleres, cifra que se eleva ao 38% no caso das afiliacións de persoas traballadoras.

Que perfil podemos elaborar das entidades da economía social galega?

Como hai diferenzas entre algunhas das familias que compoñen a ES, eu centraríame en elaborar un perfil para as cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego (CEE) e impresas de inserción laboral (EIL).

Maioritariamente operan no sector servizos: o 47% das cooperativas, o 71% das sociedades laborais, o 56% dos CEE e 69% das EIL.

Con relación ás cooperativas, o dato máis relevante é que o 55% son de traballo asociado e o 23% son cooperativas agrarias.

Con relación aos centros especiais de emprego resaltar que, de cada 5 contratos específicos a persoas con discapacidade, 3 creáronse nun CEE e con relación ás empresas de inserción laborais é que case o 50% dos traballadores estano na modalidade de inserción.

Co actual escenario económico, marcado pola guerra e a inflación, que puntos fortes presentan as empresas da economía social fronte ás empresas capitalistas?

O modelo de cooperación, con fórmulas de goberno democráticas e participativas xa demostraron que presentan máis fortalezas que as empresas capitalistas noutras crises económicas, a máis recente, a da COVID-19, nas que se crearon (proporcionalmente) máis entidades pertencentes á Economía Social e cunha menor destrución de emprego, sobre todo nalgúns sectores económicos.

O escenario actual é dunha desaceleración do crecemento, con aumentos de custos que dispararon os prezos, non é distinto ao doutras crises precedentes, no que as entidades da economía social sempre se mostraron máis resistentes, precisamente porque as decisións tómanse de forma colectiva e o obxectivo non é maximizar beneficios senón ter os ingresos necesarios para continuar coa actividade económica.

Que importancia pensa que teñen as asociacións como Espazocoop e que supón para unha cooperativa asociarse a elas?

Todas as fórmulas asociativas son importantes para os colectivos que forman parte delas xa que atenden as súas necesidades específicas (servizos e recursos), exercen de representación das mesmas en distintos ámbitos e, desta forma, levan a súa voz, por exemplo, ante as administracións públicas e, ademais, no caso específico de EspazoCoop, exerce un papel de promoción das empresas ante a sociedade e de difusor dos valores recollidos nos principios cooperativos.

Ademais, o asociacionismo no ámbito das cooperativas é especialmente relevante polo seu papel de intercooperación entre as empresas asociadas, ao ser a cooperación unha das características destas sociedades.

Así, en Espazocoop, as cooperativas atoparanse cun espazo para conectarse e poder cooperar e lanzar proxectos con outras entidades, e acadarán información actualizada e asesoramento en diversos trámites e xestións necesarios para o desenvolvemento da súa actividade (societarios, empresarial, xurídico ou en materia de axudas e subvencións).

Desde o seu punto de vista, a sociedade en xeral coñece o valor das cooperativas e outras entidades da economía social?

Aínda que cada vez hai un maior coñecemento sobre estas entidades, en xeral, e desde moitos ámbitos, cando se fala de Economía Social aínda se pensa en entidades vinculadas á política social e non a empresas que realizan actividades económicas e que as diferencian das fórmulas mercantís clásicas en que o fin que perseguen é o interese colectivo das persoas que as integran, así como o interese común económico ou social. Nestas entidades a toma de decisións non se realiza en función do capital achegado, senón que cada socio é un voto.

Por iso, a pesar de que cada vez son máis recoñecidas, aínda hai un amplo camiño por percorrer para visibilizalas ante a sociedade, pero as resolucións que, desde distintos ámbitos estanse a realizar, sen dúbida, contribuirá a un maior coñecemento en todos os ámbitos, como por exemplo:

  • A Resolución do Parlamento Europeo do 6 de xullo de 2022, sobre o plan de acción da Unión para a economía social (2021/2179(INI))
  • A Resolución da Asemblea das Nacións Unidas aprobada o 18 de abril de 2023 “Promover a economía social e solidaria para o desenvolvemento sostible”

E en Galicia:

  • Declaración institucional do CES de apoio e compromiso coa Economía Social de Galicia aprobada polo pleno o 8 de novembro de 2021.
  • Declaración institucional de apoio á economía social galega do Parlamento de Galicia aprobada en pleno o 10 de decembro de 2021

En que deberían traballar as cooperativas para impulsar o seu modelo económico? Que puntos pensa que son onde máis deberían incidir para seguir crecendo?

Nalgúns casos hai cooperativas que para gañar competitividade necesitan gañar en dimensión pero sen perderen a súa identidade, como están a facer algunhas, sobre todo, no sector agrario.

Con carácter xeral hai que apostar pola innovación, a calidade, o coidado co medio ambiente, a sustentabilidade, a formación continua e, por suposto, a adaptación a unha economía cada vez máis dixitalizada e máis envellecida, onde se están xerando novas oportunidades de negocio. E, por suposto, aproveitar as axudas recollidas no PERTE de ÉA e dos coidados do Goberno de España e as que anualmente aproba a Xunta de Galicia.